Denuncian irregularidades detectadas nas analíticas do leite feitas polo LIGAL

Agromuralla alerta que isto supón un grave prexuízo económico para as granxas galegas produtoras de leite.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 23/08/2024 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

A Asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla considera que se están cometendo irreguralidades á hora de analizar as mostras de leite que, en base á normativa vixente, están obrigados a analizar para facer controis de calidade e que realiza o LIGAL.

Leite das vacas de Curtis
Leite das vacas de Curtis

Dende que comezou o verán, un alto porcentaxe de gandeiros produtores de leite de vaca galegos, veñen tendo problemas coas analíticas do punto crioscópico. Nembargantes, despois de facer todas as revisións técnicas necesarias, puideron comprobar que non se debe a un problema que exista nas súas granxas.

O punto crioscópico é un parámetro que se analiza para medir a cantidade de auga que ten o leite. Trátase dun valor negativo, de xeito que, se sube a presenza de auga no leite os gandeiros son penalizados pola industria láctea que lles merca o produto, penalización que se traduce nunha reducción no prezo do leite.

O único laboratorio oficial existente en Galicia para facer análises do leite é o LIGAL (Laboratório Interprofesiomal Galego de Análise do Leite). O cal está integrado pola FENIL (Federacion Nacional de Industrias Lácteas), AGACA (Asociacion Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e os sindicatos agrarios, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.

Logo de recibir as queixas de multitude de gandeiros, dende a Asociación AGROMURALLA, optouse por levar diversas mostras, aleatoriamente, ó laboratorio oficial doutra comunidade autónoma, para facer análises de contraste. “Sendo a nosa sorpresa que, non só no punto crioscópico se observa un valor que penaliza máis ó gandeiro, senon que outros parámetros que se analizan e que inflúen directamente no prezo do leite en orixe, como é o caso do contido en graxa, tamen arroxan resultados dispares, o cal se traduce nun menor prezo do leite para o gandeiro que lle analizaron o leite no LIGAL”, afirman dende Agromuralla.

PAGAN MENOS AOS GANDEIROS GALEGOS

Ante esta problemática, dende Agromuralla “solicitamos unha reunión con carácter urxente coa persoa competente do LIGAL, non tendo resposta a data de hoxe, a pesar da gravidade da situación”, afirman. "Mantivemos unha reunion coa Conselleira do Medio Rural para informala do que está a acontecer e pedirlle que, dende a Consellería se tomen as medidas oportunas para regularizar a situación, xa que se nos está a prexudicar económicamente, pois os resultados das analíticas feitas polo LIGAL tómanse como base para fixar o prezo final que as industrias nos pagan ós gandeiros polo noso produto”, informan dende a Asociación de gandeiros.

Ademais, a entidade denuncia que as industrias lácteas que operan en Galicia estanse lucrando a costa das perdas económicas que sofren os produtores. "Hai que lembrar que Galicia é a Comunidade Autónoma na que os gandeiros cobran o leite máis barato, de toda España, de feito foi sempre así, non hai máis que consultar os datos estadísticos publicados polo MAPA", denuncia. Dende Agromuralla afirman que, “non descartamos que estas irregularidades nas análises do leite esteñan directamente relacionadas con ese menor prezo do leite que as industrias pagan ós gandeiros galegos, sen descartar outras causas.” 

Agromuralla fai un chamamento a todos os gandeiros produtores de leite en Galicia, para que revisen con detalle os resultados das análises feitas polo LIGAL e, se é o caso, tomen as medidas que consideren mais oportunas, “se quen nos representa non nos defende, temos que facelo nos”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta