Por Galicia Confidencial | A Coruña | 14/12/2015 | Actualizada ás 09:00
As diferencias que manteñen a xuíza Pilar de Lara e o avogado Cándido Conde-Pumpido, defensor do líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, no caso Garañón, tamén chegaron ao alto tribunal galego. O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, confesou hoxe que lle chamou a atención o ocorrido entre xuíza e avogado e "que é até certo punto insólito".
Nunha entrevista na Cadena Ser, Cadenas recoñeceu estar sorprendido e dixo que, no caso de que existisen coaccións, hai mecanismos legais, "se isto ten unha repercusión máis ou menos directa na posición do xuíz ou do avogado, isto tería que ser resolto pola vía habitual, coa posibilidade dunha recusación". "Ignoro o que hai por baixo de toda esta situación, o que si quero deixar claro é que hai mecanismos legais en calquera sentido para que se isto ten unha transcendencia procesual, resólvase adecuadamente".
Pilar de Lara, que se ocupa de investigacións como a operación Pokemon e o caso Garañón, fixo unha serie de revelacións de correos electrónicos deste letrado, que representa actualmente ao líder do PSdeG, e o aludido recriminou a utilización "de forma sesgada" de comunicacións, por outro asunto, "persoais e privadas ocorridas nun ambiente de cordialidade, moito antes de asumir a defensa do señor Gómez Besteiro".
Por outra banda, o presidente do TSXG confiou en que a instrución da Operación Pokemon, que leva Pilar de Lara e indaga sobre adxudicacións feitas desde administracións públicas a grupos empresariais, principalmente a Vendex, conclúa nun prazo curto de tempo.
"Eu espero que si, que acabe pronto, non só polo tempo transcorrido, senón porque a investigación debe estar case terminada. Non é o conveniente para unha persoa que leve cinco anos imputada. Hai que coñecer as razóns".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.