Por Galicia Confidencial | Muxía | 26/08/2024 | Actualizada ás 12:01
Salvamento Marítimo remolcou a un veleiro, con 2 tripulantes belgas (home e muller), tras unha interacción con candorcas a 6,5 millas do Roncudo o pasado domingo pola tarde. Ás 15.39 horas recibiuse MAYDAY VHF CH16 do veleiro no Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra. O veleiro Amidala alertaba de danos no temón e comunicaban que non teñen capacidade de manobra.
O Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra (CCS Fisterra) mobilizou a Salvamar Altair e o Helimer 402. As condicións meteorolóxicas na zona eran adversas con ondas de 2-3 metros e ventos de 35 nós. Durante a manobra de remolque, a tripulante resulta ferida gravemente nunha man. Realízase o seu transbordo desde o veleiro á Salvamar Altair para evacuación co Helimer 402, xa que a chegada a Camariñas por mar demoraríase unhas 4 horas debido ao remolque en condicións meteorolóxicas desfavorables.
Ás 18.26 horas, o Helimer 402 ten á tripulante a bordo e o seu desembarco prodúcese no aeroporto de Alvedro ás 18.55 horas. Ás 21.20 horas, a Salvamar Altair deixa atracado o veleiro en Camariñas. A tripulación da Salvamar Altair informou de que "o remolque foi complexo debido aos danos do temón que provocaban que a embarcación tivese tendencia a caer a babor en todo momento".
Manuel Capeáns, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra, destaca "a dureza das condicións meteorolóxicas e o bo facer dos controladores do CCS Finisterre, a tripulación da Salvamar Altair e o Helimer 402 durante a evacuación da tripulante ferida". Así mesmo, suliña a "gran experiencia dos tripulantes do veleiro Amidala que reaccionaron con gran profesionalidade ante a emerxencia en colaboración perfecta coas unidades de Salvamento Marítimo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.