A volta ao cole: o que hai que ter en conta se optas por mercar libros de texto de segunda man

A Federación de Librarías de Galicia afirma que a situación é inusual e están a mínimos de reservas. Tamén aconsella sobre as vías alternativas e reivindican o seu labor.

Por Amanda Fernández | Lugo | 03/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Quedan menos de 15 días para o inicio do curso escolar e hai moitos axentes implicados nesta famosa "volta ao cole". Entre eles, o sector das librarías que xogan un papel moi relevante cos libros de texto e listaxes de material escolar. Pais e nais prepáranse para agardar quenda e facer cola para encher a mochila dos seus nenos. Falamos con Celia Fernández Clemente, responsable secretaria da Federación de Librarías de Galicia, que fai referencia a unha "situación moi inusual e nada habitual a estas alturas". Sinala que, a piques de comezar o novo curso escolar, están "a mínimos de reservas". Desta maneira, outros anos por estas datas producíase un aumento considerable de reservas por parte dos pais para conseguir os libros de texto para o curso que entra. Porén, agora mesmo o que máis venden, segundo recoñece, é o fondo editorial.

Imaxe dunha libraría
Imaxe dunha libraría | Fonte: Pixabay

A que se debe esta situación anómala? Celia responde: "Sempre que remata o curso escolar, o habitual é que os pais xa se acheguen para deixar reservada a listaxe de libros para o seguinte curso. Moitos pensan que é demasiado anticipado, pero máis ben, permite marchar máis a gusto de vacacións e saber que cando retomen a incorporación ao seu día a día, teñen aseguradas as reservas nas librarías". Comenta que o curso comeza o 11 de setembro en Infantil, Primaria e Secundaria e que se pode xustificar por un maior "índice de dixitalización e que non hai renovación dos currículos pedagóxicos dos libros". Ante isto, hai familias que optan por outras vías, xa que non houbo cambios nos contidos dos libros como nos últimos dous anos por mor da lei educativa. 

CONSELLOS A TER EN CONTA SE OPTAS POR VÍAS ALTERNATIVAS

A previsión é que no momento que comecen as clases, a partir do dous setembro será cando comecen as familias a acudir ás librarías, "aínda que non sexa por reservas completas, senón por libros soltos ou títulos como o caderno de traballo ou libro dalgunha sinatura concreta". Este segundo expón Celia sería o "principal cambio". No que atinxe ao material escolar comenta que hai moitos centros escolares que anticipan a listaxe do que se precisará ao remate do curso. Porén, hai moitos outros que ata os primeiros días de escola non adiantan nada e iso produce un segundo boom de xente para a segunda semana de setembro. Nesta liña destaca: "É de agradecer a axuda económica da Xunta de Galicia, para as familias máis necesitadas dun alivio nos seus petos. O gasto medio entre os nenos está entre os 300-500 euros, dependendo do grao, xa que en Bacharelato está máis encarecido. O gasto en material escolar oscila entre os 60 e 100 euros e os bonos da Xunta, dependendo das circunstancias persoais, sería de entre 60 e 75 euros". 

Haberá familias que busquen aforrar uns cartos e opten pola vía da segunda man, pero ollo a esta serie de consellos. Desde a Federación de Librarías de Galicia apuntan a que mercar sen ser pola venta directa a través das librarías pode repercutir "ao mellor nun gasto duplicado". Isto deberíase a que "non seguen correctamente as indicacións que especifican os centros escolares, en canto a editoriais e referencias de cada libro e sinatura á que pertencen". Por iso a secretaria revindica que depositen confianza no labor dos libreiros e engade: "Outro consello é que non forren nin poñan nome ao libro, que manteñan o ticket de compra para que poidan mudalo, no caso de, ben non os vaian precisar, por algunha equivocación ou que o centro escolar decidira empregar outro tipo de material". 

Para as longas colas da venta directa chaman á paciencia e explican que de aí que para evitalo moitas familias, ata o de agora, optaban por deixar confiada esa xestión cunha reserva. Incluso está a opción da páxina web, pero sinala que no que reflicte aos libros de texto "soen acudir físicamente porque precisan velo e contrastar que a listaxe que teñen é fiel ao que se lle está entregando". Desta maneira, afirma: "As compras por páxina web é unha porcentaxe minoritaria, xa que é máis en fondo editorial, en texto non é tanto". 

O SECTOR DAS LIBRARÍAS EN DATOS 

Segundo os datos facilitados pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (CEGAL) no seu informe 'Mapa de Librarías de España 2023' hai menos librarías, pero de maior espazo. Cifra en 6,2% o descenso de puntos de venta de librarías independientes, pero gañando máis espazo. Isto, segundo explica Celia, débese a que o comportamento do cliente mudou: "Ata fai uns anos era habitual chegar a unha libraría, solicitar un libro e vendelo, pero agora búscase, tanto por parte do cliente como dos libreiros, unha autonomía e goce. Que a libraría convide ao cliente a entrar e desfrutar sen ter a necesidade de mercar. De aí que se precisen espazos máis amplios, máis andeis cunha mellor clasificación de xéneros e subxéneros que melloren a accesibilidade". No sentido das librarías como experiencias tamén está o cambio de estética e en achegar aos lectores e aos autores en diferentes encontros. "A libraría como punto de dinamización cultural e non só como venta de libros", expón. 

Dentro das estatística o informe recolle que existe un "crecemento na facturación en venta de libro, de maneira que o 65% das librarías que facturaban no 2016 dentro do intervalo 30.0001-90.000 superaron este rango". A secretaria da Federación reafirma este dato e destaca: "Partimos do 2020 como punto de inflexión para o crecemento das ventas do libro, co tema da Covid, vimos incrementado o hábito de lectura e como está máis consolidado. Hai que sumarlle así o encarecemento, xa que se incrementaron un pocuco os prezos". Tamén sinala ao fenómeno das redes sociais "bookstagram" que é o último en tendencias e cunha "porcentaxe de siareiros cada vez máis incrementada". 

Continuando cos datos, no que respecta á densidade de librarías en España, hai unha media de 6,8 librarías por 100.000 habitantes. O ránking está liderado por Madrid e Cataluña cun 13,7% dos establecementos e no caso de Galicia destaca xunto a outras comunidades do norte "en maior densidade". E como destacado final, a venta de libros supón un 74,7% do total da facturación das librarías, o resto entre ingresos de venta de artigos de papelería (16,7%), revistas (2,5), merchandising e outros productos. 

A PROFESIÓN DE LIBREIRO E A PROXIMIDADE

Nesta radiografía do sector, Celia define a profesión da que leva vivindo 20 anos e fai fincapé na importante labor de xestión empresarial que hai detras: "Isto require coñecementos e nocións máis que básicas, pero tamén é un mundo utópico e bucólico. Para ser libreiro precisas ter paixón pola lectura e buscas establecer unha rede co cliente, que forma parte da túa familia libreira. Así crear sinerxias e retroalimentación literaria nunha autoaprendizaxe constante e diaria". 

As librarías son, cada vez máis, un espazo máis amplo que convida a entrar é manifesta a loita por reivindicarse como produto de proximidade no que se tece unha rede coas clientes. "É certo que hai moita compra de impulso, turistas que visitan e cidade e entran, pero o que nos mantén vivos durante todo ano é a xente da cidade que acode pola dispoñibilidade de fondo editorial que teñamos", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Libros custan entre os 300-500 € ? entre 50.000 e 83.000 ptas ? Case mellor este ano deixamos tódolos libros a durmir nas librarías mentras baixan os prezos... https://x.com/raulmtt/status/182840... E algúns dirán que a economía vai estupendamente e que España é o mellor país do mundo para vivir... Os libros en versión dixital custan o mesmo que os libros en papel... ¿alguén nos está a contar un conto?