Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2024 | Actualizada ás 15:07
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda referiuse este xoves á decisión acordada pola Oficina Técnica da Seca de activar a prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez, en Pontevedra, sinalando que "en Galicia, en xeral, estase nunha boa situación" pero, na conca do Lérez, "a situación é un pouco máis delicada". Por iso, remarcou que a medida adoptada por Augas de Galicia "é un anuncio baseado na prudencia".
Os técnicos tomaron a decisión de activar esa alerta "pensando no que podería pasar, é certo que aínda é moi cedo para sabelo, se os meses de setembro e outubro non son chuviosos e houbese unha seca máis prolongada do normal". Ante ese posible escenario, Alfonso Rueda indicou que "hai que tomar medidas agora, non cando o problema está encima da mesa". En todo caso xustifica que "simplemente é un criterio de prudencia, nada máis".
No transcurso dun acto oficial en Poio, o presidente da Xunta trasladou á cidadanía que non hai "nin que alarmarse, nin que preocuparse", e insistiu en que "a administración responsable ten que adiantarse aos acontecementos". "Se despois, setembro e sobre todo outubro, son como foron outros anos, pois entón non haberá problemas", apostilou.
Con todo, o presidente da Xunta engadiu que "loxicamente, si, hai que exporse algún tipo de adaptación" de face ao futuro xa que na conca do Lérez "sempre hai que tomar este tipo de medidas".
MENSAXE DE TRANQUILIDADE E APELACIÓN AO CONSUMO MODERADO
Pola súa banda, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores trasladou este xoves unha mensaxe de tranquilidade ao asegurar que "o abastecemento está asegurado".
Os datos que reporta o Concello apuntan que o encoro do Pontillón atópase ao 95% da súa capacidade e o caudal do Lérez é similar ao do ano pasado por estas datas, está en 1,43 metros cúbicos por segundo fronte aos 1,3 do ano 2023.
No entanto, a administración local acaba de aprobar recomendacións sobre o consumo de auga entre a cidadanía encamiñadas a promover que este se modere.
Así, os consellos pasan pola concienciación dun uso sustentable da auga, non encher piscinas nin regas de xardíns ou limpeza de coches; promover a instalación de dispositivos de aforro doméstico; no caso de empresas e industrias, que se faga un uso razoable e no caso dos servizos municipais, moderar os baldeos, regas de xardíns, fontes, entre outras medidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.