Por Europa Press / Redacción | VIGO | 02/09/2024 | Actualizada ás 15:32
A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas (Asime) reclamou este luns proxectos e actividade para a industria auxiliar local, e advertiu a administracións e grandes fabricantes que "é estratéxico ter en conta algo máis que o prezo" á hora de adxudicar axudas e proxectos. Así o trasladou o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, durante a rolda de prensa de presentación do terceiro congreso AutoMob, que se celebrará en Vigo os días 17 e 18 de setembro.
Enrique Mallón sinalou que o 2023 foi un ano positivo, pero non exento de complicacións e retos, que se mantiveron en 2024. Respecto diso, apuntou que hai "unha precupación grande" no sector, polas adxudicacións de proxectos e axudas, e insistiu en que, se os provedores locais non teñen "un trato especial", dado que xeran riqueza e emprego na contorna, será complicado atraer a outros fabricantes e investimentos e "minguarán" as cifras de emprego.
"É especialmente relevante que o ritmo das adxudicacións non se base só no prezo, e se son empresas con axudas públicas, con moita máis razón", apuntou, á vez que valorou o xesto da Xunta, coa liña de axudas (18 millóns de euros) para a industria galega da automoción que, remarcou, "é fundamental que chegue a toda a cadea de valor".
Esta será unha das cuestións que se aborden no congreso que se celebrará os próximos 17 e 18 de setembro, xunto a outros retos do sector, como a transición enerxética e o desenvolvemento do vehículo eléctrico.
PLAN MOVES III
Entre os temas que se porán sobre a mesa están as axudas públicas á compra de vehículos. Sobre esta cuestión, Enrique Mallón sinalou que esas subvencións foron "bendicidas" polo sector pero tamén "criticadas" por que a terceira convocatoria "chegou tarde".
Igualmente, insistiu en que "hai que mellorar as contías", aumentando as axudas ata un 25 % e, especialmente, "axilizar o cobro" das mesmas. Ademais de maior apoio aos consumidores e vendedores, o secretario xeral de Asime lembrou tamén a necesidade de ampliar a rede de puntos de cargos para estes vehículos. Respecto diso, explicou que, pese ao aumento do número de matriculacións de coches eléctricos e híbridos en 2023, no 2024 o ritmo retardouse.
CONGRESO AUTOMOB 3
A sede de Asime acollerá a terceira edición do congreso AutoMob, International Automotive & Mobility Summit, que contará coa participación de representantes de fabricantes, industria auxiliar, e de organizacións sectoriais. Así, o foro abrirase o 17 de setembro con dúas visitas, ás plantas de GKN Automotive e Borgwarner, así como un evento 'networking' informal.
O 18 de setembro terá lugar un ciclo de relatorios con presenza de representantes da Xunta, de fabricantes como Nissan ou Volvo, de empresas da cadea de valor, representantes da European Association of Automotive Suppliers (CLEPA), da patronal marroquí (AMICA) ou da Asociación de Fabricantes para Industria Automóbil de Portugal (AFIA).
Igualmente, participarán na xornada representantes do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), dos transportes de mercadorías (Suardíaz e MAN Truck & Bus Iberia), ou do transporte de pasaxeiros (Balearia ou Cabify), entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.