Estamos preparados para a próxima pandemia? Varíola do mono, gripe aviar, febre do Nilo Occidental... Os candidatos son múltiples

A viróloga Margarita del Val tratou de respostar a esta cuestión no XVII Congreso Nacional de Viroloxía que se está celebrando esta primeira semana do mes de setembro en Santiago.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Hai unha cousa que virólogos de todo o mundo teñen moi segura: haberá unha nova pandemia. Cando? Como de grave? Son preguntas para as que aínda non teñen resposta. Pero hai unha para a que tentan tela: Estamos preparados como especie para enfrontarnos a un desafío semellante ao causado polo covid? Dentro do XVII Congreso Nacional de Viroloxía que está acollendo a capital galega esta semana a reputada viróloga Margarita del Val tratou de respostar a esta cuestión, pois asegura que "o risco dunha pandemia futura está aí, é innegable, xa que con relativa frecuencia xorden emerxencias causadas por axentes infecciosos" e "cada vez somos máis no mundo e concentrámonos nas cidades, apelotonándonos en espazos reducidos onde o contaxio é máis sinxelo".

Varios mozos con máscaras
Varios mozos con máscaras | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

A estes factores habería que sumar que tamén "cada vez nos movemos máis e movemos máis aos nosos animais". E, por suposto, non debemos esquecernos do papel que xoga en todo isto o cambio climático, pois "o quencemento global favorece que pragas propias doutras latitudes cheguen á nosa". Tamén hai outra cuestión relevante á hora de plantexarnos se superaríamos outra pandemia: a cara 'b' do bo sistema sanitario co que contamos e da maior esperanza de vida, porque agora somos "poboación máis envellecida e vulnerable". Deste xeito, Del Val reflexiona sobre que "cando apareza un virus novo vainos pillar a gran parte da sociedade máis maiores" e "as infeccións en adultos teñen máis risco que en nenos, porque o sistema inmunitario está máis debilitado".

COMO SABER O POTENCIAL PANDÉMICO DUN VIRUS? A INMUNIDADE POBOACIONAL

Margarita del Val explica que para poder valorar a ameaza que supón para a especie humana calquera virus o primeiro é saber cal é o seu potencial pandémico. É dicir, ver se hai poucos casos e aillados, se xa hai brotes e o virus se está contaxiando entre as persoas, se xa afecta a países enteiros de forma endémica ou se logrou circular por todo o mundo ata chegar a falarse de pandemia. "Para saber se un virus recén coñecido ten capacidade de explotar ata chegar a ser un risco grave, temos que analizar a inmunidade poboacional", explica a viróloga. Así, se a inmunidade dunha persoa consiste en ver se está protexida ou non da infección, a inmunidade poboacional consiste en que a sociedade en xeral estea segura, de tal xeito que se lograse un número de individuos inmunes suficientes como para frear os contaxios e expansión do virus. 

Por exemplo, en España houbo varias pandemias de gripe A, e cada unha foi substituíndo á anterior. É dicir, a de 2011 sustituíu á de 2010, a de 2010 á de 2009... pois o virus foi cambiando. Con todo, "as persoas que as viviron lograron algo de inmunidade fronte ao virus aínda que fose distinto en cada unha delas". Entón, en caso de que a día de hoxe salte outra emerxencia co virus da gripe A, "a poboación máis vulnerable van a ser os mozos, aqueles que nunca pasaron pola enfermidade". Así as cousas, "podería afectar a unha parte pequena da poboación, polo que o impacto non sería tan grande como se tivésemos que partir dun 0 % de persoas inmunizadas, que foi o que aconteceu no caso do coronavirus, un virus ao que nunca antes ninguén estivera exposto", explica Del Val. Foi precisamente por esta circunstancia de que toda a poboación era vulnerable e de que quenes máis o sufrían eran os maiores por ter un sistema inmune máis debilitado, que "se precisaron medidas tan fortes como o confinamento". De feito, a viróloga asegura que mesmo despois do primeiro confinamento, o 95 % das persoas non se contaxiara, o que levou a que chegasen novas oleadas de contaxio e se fixesen precisos novos confinamentos.

Un estudo do CSIC mostra a presenza do virus Mpox no aire e na saliva de pacientes infectados
Un estudo do CSIC mostra a presenza do virus Mpox no aire e na saliva de pacientes infectados | Fonte: CSIC - Arquivo

COMO SABER O POTENCIAL PANDÉMICO DUN VIRUS? A TRANSMISIÓN

Outro dos aspectos importantes a ter en conta á hora de analizar se un virus terá potencial pandémico é observar a súa forma de transmisión. Del Val lembra que non fai tanto, no século XIX, "había epidemias de cólera porque a auga potable das cidades cun crecemento desordeado como era o caso de Londres estaba mal organizada, polo que se xuntaba en tramos coas augas residuais". Así, "identificada a orixe da transmisión e despois de varias décadas sen recoñecelo, logrouse un sistema de canalizacións independente polo que circulase a auga potable". Do mesmo xeito, "tamén houbo epidemias febrís tras partos e operacións", que "remataron cando se comprobou que co lavado de mans e a esterilización de material quirúrxico se evitaban estas mortes". Todas estas medidas axudaron a reducir o número de mortes infantís nun momento no que a metade dos nenos morrían antes de cumprir os 10 anos. "As persoas centenarias que agora están cumprindo cen anos en España son os nenos que resistiron a esa época", apunta a viróloga.

Estes exemplos poñen de manifesto o importante que é coñecer a forma de transmisión dos virus, algo que tamén se demostrou no caso do coronavirus. "Unha das ensinanzas máis potentes que nos deixou esta pandemia foi o reaprender que os axentes infecciosos que entran por vía respiratoria se transmiten por aerosois e polo medio aéreo", afirma Del Val, que cre que aí é onde se debe enfocar a investigación nos vindeiros anos: na calidade do aire. "Estaría ben que o aire de calquera estancia na que nos atopemos fose o suficientemente respirable microbioloxicamente", considera. E como logralo? "Primeiro hai que medilo e, logo, en función do resultado obtido, actuar". Para medilo dende a covid hai medidores de CO2 que permiten saber como de respirado está o aire polas persoas: si hai moito CO2, o aire foi moi respirado e, polo tanto, se hai un virus circulando, é o momento de ter máis coidado con ese índice. Tamén tendo en conta o lugar no que nos atopamos: se é un hospital, unha aula, unha casa, un bar... Neste senso, Del Val pide preocupación co concepto de aforro enerxético porque "pode levar á pouca renovación do aire das estancias e, polo tanto, a máis risco de infeccións respiratorias".

E aínda que a día de hoxe os virus que máis preocupan a nivel de potencial pandémico son os que teñen capacidade de transmitirse por vía respiratoria ou directamente polo sangue, tampouco hai que esquecerse daqueles que se transmiten por picaduras de insectos, especialmente de mosquitos. Del Val lembra neste aspecto que "o mosquito tigre en Europa entrou por Albania fai 10 ou 20 anos e estendeuse máis polo Mediterráneo, seguramente levado polos viaxeiros", pero "a día de hoxe xa se atopa tamén en Galicia e noutros lugares". O problema, ademais do molesta que é a súa picadura porque causa moita reacción, tamén está nas numerosas enfermidades que pode transmitir a través da mesma: dengue, febre chikungunya, zika... "Se traemos o mosquito portador do virus na maleta despois dunhas vacacións ou se directamente traemos o virus no noso sangue despois de recibir unha picadura, estamos contribuíndo á súa mobilidade e, polo tanto, á posibilidade de que se convirta en pandemia", asegura. Por iso fai un chamamento a previr agora para non lamentar despois, mediante o control e seguimento da circulación destes mosquitos.

COMO SABER O POTENCIAL PANDÉMICO DUN VIRUS? AS FERRAMENTAS

A principal ferramenta coa que contamos hoxe en día para facer fronte aos virus son as vacinas, a pesares de que, como lamenta Del Val, "semella que aínda hai que convencer á xente de que as vacinas salvaron moitas vidas: no primeiro ano de pandemia de coronavirus uns 20 millóns de vidas, con AstraZeneca e Pfizer á cabeza". Agora ben, coñecemos todas as vacinas precisas para facer fronte a todos os virus? "Nin de casualidade", amósase contundente a viróloga, que asegura que "hai que seguir traballando, porque cada axente infeccioso é distinto, cada virus é distinto e para saber como atacalos debemos coñecelos o mellor posible". Ademais, no ámbito da fabricación de vacinas aínda hai varios desafíos sobre a mesa: conseguir que sexan rápidas para frear unha pandemia; efectivas para evitar que haxa unha gran cantidade de contaxios; baratas; estables na refrixeración; que se poidan administrar vía oral, sen agullas, para poder chegar a todos os lugares do planeta; que xeren inmunidade nas mucosas; e que consigan unha memoria inmunitaria sexa o máis duradeira posible.

Por outra banda, tamén sería importante crear vacinas dirixidas a todos os tipos de poboación: dende mulleres embarazadas ata anciáns, pacientes inmunodeprimidos, adultos, mozos, adolescentes... "As vacinas xa non son só cousa de bebés, son para todos", conclúe Del Val. Por exemplo, actualmente é recomendable para os adolescentes que se poñan a vacina da meninxite tetravalente e do papiloma (comezou só sendo dirixida a mozas, pero agora tamén se dirixe a mozos); e para os adultos maiores de 65 anos a vacina vintevalente de neumococo e a do herpes zoster (que evita unha secuela da varíola que ataca a algunhas persoas décadas despois de ter pasado a enfermidade). No caso concreto da vacina do papiloma, a viróloga explica que Australia prevé eliminar o cancro que causa este virus do papiloma chegando coa vacinación a toda a poboación. De feito, apunta a que "un de cada seis tumores actualmente é causado por un axente infeccioso" e "o virus do papiloma é un dos máis frecuentes".

COMO SABER O POTENCIAL PANDÉMICO DUN VIRUS? OS AXENTES INFECCIOSOS

Non todos os axentes infecciosos son iguais, de tal xeito que non é igual de sinxelo chegar a coñecelos. En concreto, Del Val apunta a que "o covid era un virus relativamente sinxelo, tiña sobre todo a proteína S, e estaba claro dende o primeiro intre que para facer unha vacina se tiña que contar con esta proteína". Sen embargo, "o virus causante da malaria, o plasmodium, é moito máis grande que o covid, e tamén moito máis complexo, de tal xeito que na súa superficie non ten unha única proteína exposta, senón centos de miles, e nin sequera temos identificadas cales son as claves". De tal xeito que "non podemos decidir poñer cinco ou seis proteínas nunha vacina fronte á malaria e agardar que funcione". É por iso que "temos vacinas eficaces contra o covid, pero non contra a malaria, pois aínda que agora mesmo hai dúas circulando, a súa eficacia é limitada e deben combinarse con medidas non farmacolóxicas".

 

Del Val explica que a nivel mundial os científicos están poñendo sobre a mesa a posibilidade de crear unha vacina tipo contra cada familia de virus. "Agora sabemos clasificar os virus en familias, de tal xeito que cando aparece un novo virus sabemos onde podemos encadralo, por iso se tivésemos unha vacina que funcionase para cada familia, cando xurdise un novo virus saberiamos orientarnos sen partir de cero", apunta a viróloga.

Margarita del Val no XVII Congreso Nacional de Viroloxía
Margarita del Val no XVII Congreso Nacional de Viroloxía | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta