Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 04/09/2024 | Actualizada ás 17:56
Unha funcionaria de prisións, traballadora do centro penal de Pereiro de Aguiar, en Ourense, foi suspendida de emprego durante tres meses por abandonar o seu posto de traballo para manter relacións cun interno. Así o decretou a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ante a que a muller perdeu o recurso co que solicitaba a anulación da sanción disciplinaria, interposta no verán do 2022. A sentenza dá a razón á Secretaría Xeral de Institucións Penais, dependente do Ministerio de Interior, e dá por boa a suspensión das súas funcións durante tres meses por considerar debidamente acreditados os feitos.
Segundo recolle a sentenza, a noite do 7 de agosto de 2021, durante a súa xornada de traballo nun módulo da prisión de Pereiro de Aguiar, a inculpada "sen autorización do xefe de servizo, abriu e accedeu sen causa xustificada a cela dun interno, permanecendo nela durante trinta minutos", período tras o cal "saíu descalza, cos zapatos na man e colocándose o uniforme". Os feitos quedaron acreditados non só porque no procedemento se empregou como proba un vídeo no que se ve o descrito, senón porque tanto ela como o interno da referida cela recoñeceron os feitos durante o expediente administrativo.
FEITOS
A sanción baséase, segundo o TSXG, en que a recorrente, estando de servizo de vixilancia, abandonou, sen autorización, o seu posto, e introduciuse na cela do interno, onde permaneceu 30 minutos e saíu da mesma sen vestir correctamente o uniforme regulamentario, coa camisa desabrochada e os zapatos na man.
En definitiva, os feitos están debidamente acreditados, constitúen a infracción pola que foi sancionada a recorrente e impúxose unha sanción, tres meses de suspensión, que cumpre sobradamente o principio de proporcionalidade, conclúe o tribunal. Ademais, no seu recurso, a funcionaria alegaba que o director da prisión tíñalle "animadversión" e que mesmo accedera á base de datos, vulnerando a lei de protección, algo que o TSXG non considera demostrado.
Consta na sentenza que o director do centro penal elaborou un informe, dirixido á Subdirección Xeral de Análise e Inspección Penal da Secretaría Xeral de IIPP, por suposta relación íntima/sexual entre a recorrente e un interno do centro penal. No parágrafo dos antecedentes do devandito informe, o director facía constar que a muller se atopaba na prisión de Pereiro de Aguiar en comisión de servizos, unha comisión motivada pola condena por violencia de xénero da súa exparella, ao que coñecera cando este estaba preso no centro penal de Lanzarote, onde ela era funcionaria.
Para o tribunal non hai vulneración da lei de datos por expor a situación da funcionaria e "os graves feitos acontecidos", así como "a razón pola que se atopa neste centro penal en comisión de servizos", xa que se trata dunha comunicación interna dirixida a un órgano oficial. Tampouco ven animadversión na petición que realiza o director da prisión á subdelegación de Goberno para que revogase a baixa por incapacidade temporal, que solicitara a funcionaria ao entrar en vigor a suspensión de funcións. Segundo o tribunal a decisión administrativa foi incorrecta, pero revogouse despois.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.