Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2024 | Actualizada ás 14:47
A conselleira de Política Social, Fabiola García, puxo en valor o novo decreto que axiliza e simplifica a solicitude de dependencia implantado pola Xunta para mellorar os tempos na atención aos maiores. Todo iso nun contexto de aumento de solicitudes, "máis dun 60% nos últimos anos", dixo.
"As familias tiñan que presentar ata 12 documentos distintos, implicaba semanas e meses, agora reducíronse a dous, soamente un informe médico e un informe social", apuntou en declaracións aos xornalistas con motivo da súa visita á residencia de maiores Torrente Ballester, na Coruña.
A conselleira expuxo que o proceso de simplificación administrativa "está a funcionar moi ben" e engadiu, "redundará en que as persoas maiores e as súas familias teñan que esperar cada vez menos tempo en ter recoñecido o grao de dependencia e ter canto antes ese Programa Individualizado de Atención para poder recibir esa prestación ou servizo que necesitan".
A titular do departamento autonómico explicou que Galicia se caracteriza por ter "un elevado índice de envellecemento poboacional" para engadir que as solicitudes de dependencia incrementáronse "máis dun 60% nos últimos anos".
Respecto diso, García expuxo que o Servizo de Axuda no Fogar é "o máis demandado" en Galicia. No entanto, sinalou que "en moitos concellos é complicado localizar persoas que queiran traballar nese servizo". Por este motivo, apostilou, o Goberno autonómico está a pór en marcha "máis cursos de formación". "É un nicho de emprego que xera moitos postos de traballo no ámbito rural", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.