A Comisión Europea non ve que Altri, a Xunta e o Goberno central incumpran as medidas de avaliación ambiental

Apunta ademais que, "sen prexuízo do papel da Comisión como gardiá dos Tratados", o máis "eficaz" sería expor a pregunta ás autoridades dos Estados membros. O PP pon en dúbida a "independencia" do CCG

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2024 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

A Comisión Europea negou que se estea incumprindo, por parte dos Gobernos galego e español, así como de Altri, as directivas que regulan a avaliación das sustancias contaminantes no proxecto da compañía portuguesa en Palas de Rei.

Así o comunica nunha carta, á que tivo acceso Europa Press, o vicepresidente executivo Sefcovic en nome da Comisión Europea e en resposta á pregunta presentada pola deputada do BNG, Ana Miranda.

A información facilitada, explica Sefcovid, "non permite á Comisión observar ningunha infracción" da Directiva sobre as Emisións Industriais ou da Directiva sobre a avaliación do impacto ambiental "nesta fase temperá do procedemento". Apunta ademais que, "sen prexuízo do papel da Comisión como gardiá dos Tratados", o máis "eficaz" sería expor a pregunta ás autoridades dos Estados membros.

No seu argumentario, Miranda citaba unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea na que interpretaba a directiva de forma que, para obter un permiso de explotación dunha instalación, debíase ter en conta, ademais das sustancias contaminantes previsibles, "todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación", incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial.

Miranda culpaba tamén ao Goberno estatal, "obrigado" a establecer que a avaliación previa das repercusións da actividade, tanto sobre o medio ambiente como sobre a saúde das persoas, debe formar parte dos procedementos de expedición e revisión dun permiso. "E isto non se fixo", aseguraba.

Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, referiuse esta mañá á sentenza da Unión Europea para insistir en que "se analizan todos os parámetros". "A pesar de que se está dicindo que non é así, teño que desmentilo", apostilou. A este respecto, asegurou que a calidade do Aire na zona de implantación do proxecto, na comarca da Ulloa, "sería superior á que ten actualmente a cidade de Lugo".

Tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, arremeteu este xoves contra o BNG e a súa postura en relación a Altri e á planta que queren instalar en Palas de Rei. "Se fóra por eles, aínda estariamos en taparrabos", asegurou.

Imaxe de Altri / Podemos - Arquivo / Europa Press
Imaxe de Altri / Podemos - Arquivo / Europa Press

VALORACIÓN POSITIVA DO PP


Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, valoraron positivamente que a Comisión Europea non apreciase infracción ás directivas de emisións no proxecto de Altri.

Respecto da resposta europea e tal e como apuntan nun comunicado, "Ana Miranda e o BNG só queren estar en Europa para falar mal de Galicia e frear o seu desenvolvemento económico e social. Parece que queren volver ao pleistoceno".

Doutra banda, o PPdeG lamentou a "nula independencia" do informe sobre Altri presentado polo CCG e pregúntanse, ademais, "que fai un órgano especializado en cultura valorando unha instalación industrial de tanta complexidade e envergadura".

Consideran que o texto está "alagado de opinións" de expertos que "se situaron claramente en contra do proxecto unicamente por motivacións políticas". Acusan aos "supostos especialistas" que redactaron o informe de mobilizarse "sempre en contra de Altri" e "como parte da órbita do BNG".

Para o Partido Popular galego, o informe do CCG "contrasta coa independencia dos funcionarios da Xunta, que analizan a proposta de forma rigorosa e atendendo só a criterios técnicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta