A historia da fiandeira de Cabanas, Beatriz Carbón, coa la de ovella galega: "O problema está nas sen identificar"

Analizamos o panorama actual e as necesidades do sector con esta autora de diferentes iniciativas para promover esta materia prima de raza autóctona.

Por Amanda Fernández | Lugo | 15/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

No marco do I Foro da la, hai múltiples persoas amantes deste recurso e que ven na la unha oportunidade. É o caso de, Beatriz Carbón, fiandeira de Cabanas, que ten unha historia de amor coa la ben duradeira. O seu inicio remóntase aló polo 2009, cando se creou a asociación de mulleres Cabanas rural, que vivían nas vilas da zona, en Lavandeira, e procuraban facer diferentes actividades, co afán de recuperar oficios tradicionais. "Era realmente unha forma de xuntarse e liáronme para que axudase cun tema de subvencións e as actividades parecéronme moi fermosas en si mesmas", conta.

As mulleres de Cabanas rural nunha actividade
As mulleres de Cabanas rural nunha actividade

Houbo unha que a conquistou especialmente, 'A fía da la', unha tarefa que desenvolveu durante 11 anos e faise unha edición ao ano. Naceu coas fiandeiras de Cabanas rural, creada para difundir o traballo coa la das mulleres do rural e así comezou todo. Porén, xa ela tivera contacto na casa porque a súa tía avoa facía calcetíns de la para todos e foi quen lle ensinou a tecer, a facer todo: "Dende cortarlle o pelo a ovella ata obter unha prenda". Apela así ao valor sentimental de traballar esta materia prima e a nostalxia de quen no seu momento a traballou e se beneficiou das súas propiedades. 

Beatriz estivo organizando durante anos o evento de 'A fía da la' ata o 2019, pero este segue celebrándose e ela vai como fiandeira que é. Lembra que neses inicios lle pareceu fantástico o concepto do fío da la, que era "un fío que nunca acababa". Cada ano, en cada evento, coñecía cousas novas, desafíos e inquedanzas. "Era un non parar", recoñece. Nese intre, deu con outro punto de partida, a ovella galega, raza autóctona entre "as 33 galegas en perigo de extinción". Contactou coa Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega (Asovega) para contribuír a recuperar "a nosa ovelliña" e posicionarse entre o resto das razas autóctonas. Resultoulle interesante coñecer todo o que había arredor da la de ovella galega e da raza como tal. Parecéulle máis sinxelo para comezar algo porque desta raza hai un rexistro, a través do que podes saber cantas hai e como tratar a la, e así como mellorar. "Cando tes unha gran variedade de ovellas, con diferentes razas, é máis difícil de traballar. Habería que analizar moitas posibilidades, en cambio coa ovella galega céntraste máis no teu obxectivo e podes mellorar esa parte", expón. 

AS PRIMEIRAS AVENTURAS: O PASEO DA LA

"Vou de aventura en aventura", di e solta unha gargallada. De espírito emprendedor, esta fiandeira, nunha das edicións de 'A fía da la', decidiu "convidar a media España a participar". A primeira vez, non houbo moita resposta, e no segunda, tampouco. Porén, no terceiro intento encheu todo o pavillón da Lavandeira de persoas con inquedanzas e con ganas de compartir o traballo. "Foi aí cando a miña cabeza e, a dos meus amigos, nunha noite de leria, pensou en que había que sacar este evento de aquí e facelo grande para que as las de España poidan ter máis visibilidade", manifesta. 

O Paseo da la
O Paseo da la | Fonte: Cedida

Como 'A fía da la' era un evento máis a nivel galego, púxose mans a obra para crear un proxecto que fose escaparate: "Sendo de Cabanas, tendo o paseo da Magdalena, unha praia fermosa, dixen, pois vouno converter no 'Paseo da la' e así naceu". Unha idea que, recoñece, está vinculada a varias persoas e coa pandemia como punto de inflexión ao non poder xuntarse. "Desde a terceira edición de 'A fía da la' puiden estreitar o meu vínculo con Lola de Logaro, tamén deseñadora, que tamén fixo fincapé nese encontro internacional. Entón dixen, e se as fiandeiras de Cabanas rural saen nese encontro? Collinas e leveinas para a praia e propúxenllo ao, por aquel entón alcalde, Carlos Ladra", lembra. 

Para que fose unha realidade precisaban dun espazo físico no que reunir a tantos tecedores de todo o mundo e Cabanas era a súa primeira opción. "O alcalde fixo pública a proposta e tomáronlle a palabra, polo que lle presentei o proxecto, que levaba moito tempo na miña cabeza, nun caixón gardado á espera dun presuposto, necesario", afirma. 

"Creamos o primeiro fío de la galega"

ASÍ NACE O FÍO 100% GALEGO

Esta iniciativa do 'Paseo da la' deulle a Beatriz, xunto con Lola, unha nova idea para ir máis aló. Era un paso adiante no que contaron con Delfín, un gandeiro de ovella galega, que como ela di, "depílanos as ovellas para nos levar a la". Así comezou a outra aventura de traballar a la de raza autóctona e crear "o primeiro fío de la galega". Defíneo como "espectacular", creado polas dúas coa colaboración imprescindible deste gandeiro, pero lamenta que xa non teñen máis. Por que? "A la non sempre é a mesma, as características do pelo cambian co tempo, ten en conta a saúde, a alimentación ou a climatoloxía. Sen caer en comparacións, ben sendo como o noso pelo, e se está ben podes conseguir un mellor ou peor fío". 

Crearon por aquel entón o primeiro fío de la galega, cunha la seleccionada e preparada, un fío dun cabo, a través do que Lola fixo un deseño. "A nosa xoaniña", manifesta. Destaca da súa compañeira que é "unha gran deseñadora" e que a la galega foi o seu vínculo, pero que traballa tamén con outros tipos de la. Confeccionaron a marca Loe&Bee e ademáis do mencionado deseño Xoaniña, fixeron Louredo e Orixe, finalista no Premio Artesanía do ano pasado. Dese primeiro fío dun cabo, crearon outro de dobre cabo e pensan en facer máis, pero tendo en conta, que o mercado sexa quen de aceptar todos estes fíos: "En España hai bastantes fíos autóctonos e van tendo cabida e o seu espazo diferente, e no caso da nosa la é basta, ruda e forte, hai que saber traballala e ensinarse á xente. Non é nada doado". 

Entre as características da nosa la, destaca que desafía o paso do tempo e que esa prenda durará "para toda a vida". Conta que do segundo fío que fixeron de dobre cabo, que quedou moi fermoso, non puideron facer a mesma selección do primeiro. Iso depende dos gandeiros que dan ou ceden a materia prima e tamén é fundamental o seu traballo coa ovella. "Se fas unha prenda co segundo fío que fixemos, canto máis a laves mellor vai estar e vai ser para toda a vida, unha das grandes marabillas da nosa la galega". 

Iso si, neste punto fai fincapé en recoñecer que a "mellor la do mundo é a merina, é indiscutible", e que a de España "é a mellor", máis aló doutros países como Escocia ou Francia. Conta Beatriz que á la merina española lle pasou algo similar co que está acontecer coa ovella galega. "En Extremadura aínda se empregaba bastante para tecer e chegou a cotizar en bolsa con Carlos III, eramos os reis absolutos en todo o mundo coa la. Porén, cando a merina saíu de España, deixamos de ser os líderes. Porén, segue sendo a mellor porque son de aquí, son autóctonas, e iso supón que se desenvolven mellor se están no sitio da que son orixinais. A merina é o diamante de España, tal e como trata unha das proxeccións titulada así do 'I Foro da la'.  

"Tes unha ovella de mil sitios, co cal é máis difícil traballar esa la, non sabes de onde vén"

O TRABALLO COA LA

O mundo da la é complexo, explica, que temos, por un lado, as las autóctonas e, polo outro, o resto de las de distintas ovellas: "É como todo, tes unha ovella galega e pensas que a de Francia é mellor, polo que traes unha; logo unha de Australia e outra americana... Ao final tes unha ovella de mil sitios, co cal é máis difícil traballar esa la. Nunca teras unha la homoxénea nin se poderá defender ao 100% porque non sabes de onde vén"

O proceso para dar saída a la e convertela en fío é sempre igual, o fundamental é a ovella. Confesa que sería fantástico "poder seleccionala no momento de rapala" porque hai certas partes que para facer un fío son boas. Habería que apartalas e dedicalas a outras cousas: "Pode ser illante, estase empregando, incluso, como conglomerado para os camiños, para asfaltar". Destaca que é importante unha boa selección nese primeiro momento e logo xa se leva ao lavadoiro. Unha vez xa limpo, toca "escarpizar, abrir a la, que se pode facer a man ou con grandes máquinas". Logo habería que cardar a la: "Consiste en colocar todas as fibras dun mesmo xeito para que logo sexa máis doado fíar. O que se fai é peinar a fibra creando unha nube inmensa coa que despois, co fuso ou máquina, podes crear un fío".

Además de ir desaparecendo os lavadoiros, tamén pasa o mesmo con algúns dos procesos, a través dos cales, se obtén o fío para crear unha alfombra ou prenda de roupa. En España, había dous sitios onde peitear la e "agora xa non hai quen o faga". Coas toneladas de la que hai actualmente, di Beatriz, que non se pode seleccionar esa la para saber que se pode facer: "É preciso ter lavado, peiteado ou cardado, e así ter como sacar un fío rápido. Por moito que as fiandeiras lle deamos aos pedais, non somos quen de pedalear toneladas de la". 

A NECESIDADE DE CREAR UNHA INFRAESTRUTURA 

Con este panorama, cal serían os principais desafíos? "O maior problema que temos está en todas as las sen identificar. Sabemos que temos 3.500 cabezas galegas, pero logo hai moita ovella sen rexistrar, que facemos con toda esa la? Habería que crear dalgún xeito unha infraestrutura galega, a través da cal, poidamos dar vida a es la que está morta e considerada un residuo", sostén. Así, pon de exemplo que no País Vasco xa se creou unha entidade con diferentes organismos para recoller la e darlle unha segunda vida. 

"Hai algunha que vale para tecer, facer pezas de alfombras ou ornamentación, para illante, conglomerado ou mesmo abono. Sempre tes un sitio a onde ir", considera. Do seu proceso de facer fío, aquela la que catalogan como non valida poden convertela nun pellet, que se amprega como abono. Por iso, habería que xestionalo, pero tamén afirma: "Eu como pyme non me plantexo meterme nun lavadoiro que poida custar 500.000 euros ou nunha procesadora". E aquí outra problemática, apunta, a maquinaria é case "da Revolución Industrial", polo que a infraestrutura que hai en España ten anos e habería que crear algo novo. "Dependemos e precisamos, así, dun organismo oficial", conclúe.

Beatriz Carbón no Paseo da la
Beatriz Carbón no Paseo da la
Beatriz Carbón co deseño Xoaniña
Beatriz Carbón co deseño Xoaniña
Beatriz Carbón co deseño Orixe
Beatriz Carbón co deseño Orixe
A fiandeira Beatriz Carbón
A fiandeira Beatriz Carbón | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta