Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/09/2024 | Actualizada ás 22:00
O cambio climático está a causar devastación en todos os aspectos da nosa vida, tanto a nivel individual como social, e o seu avance semella acelerarse a cada ano que pasa. Despois de ter analizado en pasadas entregas da nosa serie como a realidade do cambio climático está a afectar á saúde humana e aos ecosistemas, nesta ocasión, dende o Galicia Confidencial, falaremos do impacto que xa está tendo en dous sectores fundamentais da economía en Galicia: o agrícola e o pesqueiro, dous ámbitos fundamentais para a riqueza da nosa terra, cunha importante aportación ao Produto Interior Bruto (PIB), pero tamén para a saúde da poboación, pois é deles de onde deriva o noso alimento. E é que, como advirte o director adxunto do Centro de Investigación Interuniversitario do ámbito da Economía e a Empresa (Ecobas), Xabier Labandeira, lonxe de mellorar, irá a peor, debido á "dependencia" que aínda a día de hoxe persiste na nosa economía do petróleo, o gas e mesmo o carbón: "Estes combustibles son, en gran parte, os responsables do cambio climático".
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o valor engadido bruto da rama agraria e pesqueira situouse nos 3.406 millóns de euros o pasado ano 2023, é dicir, o 4,5 % do PIB de Galicia nese ano (un crecemento do 7,6 % con respecto ao ano anterior). Así mesmo, ambos os sectores tamén son unha fonte importante de emprego: a ocupación actual na agricultura, tal e como recolle o último informe do Instituto Nacional de Estatística (INE), sitúase nas 54.600 persoas; e, na pesca, nos 19.500 traballadores. Ademais, o pasado ano 2020 existían en Galicia 74.757 explotacións agrarias que estaban sendo usadas, cun total de 597.993 hectáreas. Mentres que no 2023, volvendo aos datos do IGE, vendéronse nas lonxas galegas 125.793 toneladas de produtos procedentes da pesca fresca, que xeraron un valor de 412 millóns de euros.
O MELLOR EXEMPLO DE CULTIVO SUSCEPTIBLE DE BOTARSE A PERDER POLAS PRAGAS QUE POTENCIA O CLIMA: A VIÑA, QUE SUPÓN O 1,4 % DO PIB GALEGO
Dentro do sector agrario, a viticultura é unha das áreas agrícolas máis importantes para a comunidade. Os viños galegos gozan de bo recoñecemento aló por onde pasan, e non hai que esquecer que Galicia xa conta con 5 denominacións de orixe e 5 indicacións xeográficas protexidas. Deste xeito, o viño é un auténtico motor económico para moitas rexións rurais que, de non ser polas vides, estarían condenadas ao abandono (201 concellos galegos, dous de cada tres, son territorios de reto demográfico, que perden habitantes ano tras ano; pero aqueles que contan con produción vitivinícola sofren menos: a poboación nos concellos con viñas caeu un 25,2 % entre 2000 e 2021; nos que non contan con viñas fíxoo a un ritmo do 26,8 %). Ademais, este negocio permite ao sector agrario obter unha renda pola venda da uva de máis de 1.300 millóns de euros anualmente, segundo os últimos datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA 2021).
Actualmente, e segundo os datos do Rexistro Vitícola de Galicia (RVG), existen en Galicia ao redor de 590 bodegas que cubren unha superficie de 33.283 hectáreas (promedio entre 2017-2021), con 20.000 pequenas parcelas (dúas de cada tres explotacións teñen menos dunha hectárea e as de gran tamaño, de máis de dez hectáreas, representan unicamente o 7 % do total), traballadas por máis de 219.356 viticultores (datos correspondentes a xullo de 2021). Isto supón o 3,5 % da superficie nacional (estimada nese período en máis de 950.000 hectáreas) e o 0,4 % da superficie mundial (que anda nos 7,4 millóns de hectáreas), segundo a Organización Internacional da Viña e o Viño. E, segundo a Interprofesional do Viño, Galicia é a comunidade con maior número de viticultores: o 39,9 % do total nacional.
Ademais, só na nosa terra, cultívanse máis do 60 % das variedades autóctonas de uva de España, exportadas na súa maioría a países como Estados Unidos (29,3 % da produción) e Reino Unido (13,9 %). Para Galicia, as exportacións de produtos vitivinícolas superan os 51,4 millóns de euros anuais (media período 2018-2022). Cómpre sinalar tamén que, segundo os datos da Interprofesional do Viño de España (OIVE), en Galicia a produción de viño supera os 777.000 hectolitros ao ano (media 2017-2021), o equivalente ao 2 % da produción española (38 millóns de toneladas), extraídos de 138.218 toneladas de uvas colleitadas. É así que se pode enteder que a actividade vitivinícola na nosa terra aporta o 1,4 % do PIB, xerando un Valor Engadido que rolda os 890 millóns de euros anuais, e axuda a manter o 1,5 % do emprego: uns 8.820 postos de traballo directos que ascenderían a 15.900 sumando tamén o período da vendima. Con estas cifras pódese entender a debacle que suporía unha aceleración do cambio climático sobre esta rama da agricultura.
O primeiro a ter en conta sobre a vide para entender o impacto do cambio climático sobre a mesma é que se trata dun cultivo resistente ás condicións de terreo semi-áridas, de aí a súa proliferación nas zonas máis cálidas de Galicia: as provincias de Ourense e Pontevedra, onde se concentra o 82,5 % da superficie de cultivo e o 86,7 % da produción do viño galego. Con todo, a vide está presente en case a metade dos 317 concellos de Galicia. Pero, segundo advirte a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), o cambio climático pode mudar esta situación, ocasionando alteracións que leven á vide a adiantar etapas ou aumentar os seus períodos de actividade. Isto afectaría principalmente ao potencial de maduración da uva, adiantando o comezo da súa maduración a períodos demasiado calorosos e con diferenzas de temperatura entre o día e a noite moi baixas, e mesmo ao seu rendemento, pois este feito ocasionaría unha perda de calidade por un exceso de madurez e azucre na uva. Do mesmo xeito, advirten de que un aumento das ondas de calor e da súa intensidade podería aumentar a mortalidade da vide.
No caso concreto de Galicia, a nivel climático, o que máis preocupa aos viticultores é un adianto da brotación da vide debido ao risco de xeadas primaverais que poderían facer que as uvas que comezaron a madurar antes de tempo se botasen a perder. Isto afectaría en maior medida, como resulta lóxico, ás variedades máis temperás (como é o caso do coñecido como tempranillo), aínda que tamén ás máis tardías. Ademais, ao acelerarse o ciclo da planta, tamén pode darse a circunstancia de que coincidan as choivas primaverais coa floración e o desenvolvemento do froito. Na nosa terra, húmida por natureza, o descenso das precipitacións medias como consecuencia do cambio climático tamén podería dar lugar a un incremento inicial da calidade que se contrarrestaría coa perda de colleita durante episodios de sequías, inundacións ou choivas torrenciais. Tampouco hai que esquecer neste punto o incremento dos lumes forestais, que poden rematar con hectáreas enteiras de terreo e erosionar os chans ata o punto de que tarden anos en volver ser aptos para as vides.
Pero, sen dúbida, o aspecto que máis preocupa aos agricultores en xeral, tal e como asegura Roberto Rivas, presidente da Asociación Galega de Viticultura (AGV), é a chegada de pragas e enfermidades máis virulentas e en maior número coa suba das temperaturas. Enfermidade de Pierce, causada pola 'Xylella fastidiosa'; a flavescencia dourada, causada polo 'Scaphoideus titanus'; a podredume gris, causada pola 'Botrytis cinérea'; o temido á vez que estendido mildiu, causado polo 'Plasmopara vitícola'; o oídio, causado polo 'Erysiphe nactor'; ou a podredume negra, causada pola 'Guignardia bidwellii'. Como conta Roberto Rivas ao Galicia Confidencial, "este 2024 foi un ano moi complicado con respecto aos fungos", porque "tivemos moitísima humidade agás nas últimas semanas, o que fixo que houbera nas vides moita incidencia de fungos e, en consecuencia, perda de parte da colleita para algúns viticultores". Pois o negocio do viño non comeza coa recolleita e remata co embotellado, como di o presidente da AGV, "o proceso comeza xa na poda", cando se remata de recoller o viño dun ano xa hai que comezar a podar a viña para preparala para o seguinte. "Os fungos non son algo novo, de feito son algo endémico en Galicia polo propicio que lles resulta o noso clima, especialmente ao mildiu", pero Rivas asegura que "este ano tivemos máis fungos que nunca".
GALICIA SÓ CONTA CON 37.000 HECTÁREAS DE CULTIVO DE CEREAL, DAS CALES 14.000 CORRESPONDEN AO TRIGO: A COLLEITA FOI MOI ESCASA POLAS CHOIVAS
Outro dos cultivos galegos que está a sufrir directamente as consecuencias do cambio climático é o trigo. Os cereais son os alimentos básicos para a maioría da poboación mundial, xa que aportan directamente un 40 % das calorías alimentarias da dieta. Ademais, constitúen a base da alimentación para gran parte da gandaría, que consume un 37 % da produción mundial de cereais, segundo os datos do Informe sobre as Estimacións da Oferta e Demanda Agrícolas Mundiais (WASDE 2021). Destacan especialmente o trigo, o millo e o arroz, que representan practicamente a totalidade da produción mundial de cereais. Aínda que, en xeral, esta produción cubre a maior proporción do consumo interno de cada país, é o mercado internacional, que move ao redor dun 20 % da colleita mundial, o que marca o prezo.
Así, os cereais son os cultivos que máis superficie ocupan no mundo, acadando en España ao redor das 6 millóns de hectáreas. O 90 % das mesmas está destinado a cereais de inverno, trigo e cebada, principalmente, e cultivados na súa maioría en secano. Isto fai que a produción sufra fortes oscilacións debido ao clima, principalmente debido á variabilidade das precipitacións. A produción nacional non chega para abastecer o consumo interno, que na súa maioría se destina a pensos. É por iso que, cada ano, dependendo da climatoloxía, temos que importar entre un 25 e un 55 % dos cereais que consumimos. Pola súa banda, Galicia conta con 37.000 hectáreas adicadas ao cultivo de cereal, das cales só 14.000 se empregan para o cultivo de trigo. Segundo un estudo publicado na revista 'Nature' no 2014, podería agardarse unha diminución media do 5 % do rendemento dos cereais a escala global por cada grao centígrado de quencemento se non se toman medidas de adaptación, aínda que é unha porcentaxe que pode variar en funcións das zonas.
Estas perdas en España poderían acadar máis dun 15 % nalgunhas zonas respecto ao histórico de 1981-2010 cun quencemento de 2 ºC. Serían menores no caso da cebada, pero poderían chegar ata case o 20 % no caso de cultivos moi ligados aos cereais como o xirasol. No caso do millo, o aumento da temperatura e o descenso das precipitacións provocarían en Europa un descenso do rendemento superior ao 20 % en toda a Unión Europea, con perdas de colleita de ata o 80 % nalgúns países do sur como sería o caso de España. Galicia, a día de hoxe, importa tres millóns de toneladas de materia prima, das cales dous millóns son cereais, o que a leva a ser unha terra moi dependente do exterior neste aspecto. E, se a esas xa de por si poucas plantacións de cereais, se lle suma a cuestión do cambio climático, o panorama futuro non é nada alentador.
Como conta ao Galicia Confidencial Miguel Calvo Bello, presidente da asociación de Produtores de Cereal Galegos (Procegal), asegura que "este ano foi moi especial, para mal, porque o que aconteceu este ano hai moitos anos que non acontecía: tivemos un inverno moi chuvioso e con moitísima humidade que fixo que en moitas zonas non se puidese nin sequera entrar nas leiras para realizar o cultivo, para facer a sementeira". En concreto, explica que "a sementeira adoita facerse nos meses de novembro, decembro, xaneiro ou febreiro, aínda que tamén está o período posterior, o coñecido como trigo de tremesino, que adoita sementarse entre abril e maio". Co último non tiveron problemas, foi unha boa colleita, pero co trigo típico "foi un desastre, ao igual que co trigo de moi cedo", e todo "polos problemas de asolagamento", que derivaron en que "moita semente morrese" e que "noutras parcelas nin sequera se puidese entrar coa maquinaria pesada a plantar".
Pon o exemplo dunha parroquia da Terra Chá, onde "o pasado ano había tranquilamente dez hectáreas, e este, unicamente se puideron botar dúas fincas, duns tres ferrados". Calvo ten claro que isto non é normal: "Teño agora mesmo 41 anos e levo axudando a meu pai nas fincas dende os 14 ou 15 e isto si que nunca lembro que acontecera". Ademais, tamén di que este mes de setembro está a ser moi malo, porque "levabamos uns anos nos que viña un mes de setembro case tan bo como o de agosto, aínda que os días fosen máis curtos, pero xa levamos dous ou tres anos nos que iso non acontece", algo que viría ben para o cultivo de tardío, como é o caso do chícharo de raposo (altramuz). E sabe de primeira man que mesmo no caso do millo están vivindo problemas: "Dicíanme dunha explotación que tiñan medo de que invernara, porque senón a ver quen ía quitar o millo despois". Así as cousas, o tempo atípico que calquera persoa está vendo que se sucede ano tras ano con máis frecuencia, tamén lle toca ás plantas, que o sofren moito máis.
A FROTA GALEGA VE COMO ESPECIES AUTÓCTONAS COMO A PESCADA OU A SARDIÑA FOXEN DO QUENCEMENTO DAS AUGAS DESPRAZÁNDOSE CARA O NORTE
Pola súa banda, a pesca galega segue sendo unha importante fonte de riqueza económica para a comunidade, aínda que ben é certo que perdeu forza nos últimos anos. Entre o período 2000 a 2020, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), a aportación do sector pesqueiro ao PIB galego caeu dende o 2,4 % ata o 1,8 % (case á metade). En termos de emprego a cousa aínda está máis complicada: no ano 2000 o sector pesqueiro ofertaba o 3,8 % dos postos de traballo do conxunto económico, mentras que, vinte anos despois, esa proporción caeu ata supoñer o 2,9 %. Agora ben, en termos de valor engadido, o sector segue medrando. Agás na paréntese 2008-2012 (a crise económica), o sector conseguiu crecementos. Segundo os datos da Consellería do Mar, o sector pesqueiro galego xera 46.000 empregos directos e move máis de 4.700 millóns de euros.
Galicia concentra o 15 % da produción pesqueira dos 27 países da Unión Europea, o 10 % do emprego europeo do sector e o 52 % do emprego español no mesmo. Así, a produción extrativa galega anual superia a produción conxunta de Alemaña, Bélxica, Finlandia, Grecia e Suecia. O PIB da pesca en Galicia é 25 veces superior ao da media española. A frota pesqueira actual (datos de Pesca de Galicia relativos a este 2024), conta con 4.169 barcos, a maioría deles adicados a artes menores en caladoiros nacionais (3.717). Estes datos sitúan a Galicia no primeiro posto de todas as rexións europeas e tamén como o país co sector pesqueiro máis potente da Unión Europea. De feito, Galicia posúe preto do 40 % dos barcos españois, a pesares de que se foron perdendo unidades a pasos axigantados nos últimos anos. No tocante á comercialización, conta cun total de 63 lonxas. Os produtos pesqueiros galegos gozan de gran prestixio a nivel internacional, o que permite que a industria conte na comunidade con 700 compañías que empregan a máis de 2.000 traballadores.
O cambio climático, como xa vimos noutras entregas desta serie, está a provocar un quencemento da temperatura da auga (aproximadamente un grao na última década), o cal ten consecuencias sobre as especies que nelas habitan. Así, é moito o que se fala da chegada ás nosas costas de especies exóticas, cousa que indubidablemente está acontecendo. Pero este quencemento das augas leva aparellado tamén outro aspecto: a fuxida de especies autóctonas cara latitudes onde atopan temperaturas de habitabilidade máis frías. O biólogo mariño do CSIC Rafael Bañón explica ao Galicia Confidencial que xa "hai moitas especies nativas galegas que están chegando a augas de Gran Bretaña e mesmo de Noruega". Un exemplo é a pescada, que xa se está pescando en Noruega en abundancia, cando "fai tan só uns anos as augas de Noruega eran moi frías para este peixe e aparecían exemplares contados, sen ser unha especie comercial como o é agora, cando xa se están realizando importantes capturas". Nas illas británicas e no Mar do Norte o investigador asegura que está acontecendo o mesmo coa sardiña e a anchoa ou boquerón, "especies que eran moi raras e pouco frecuentes alí e que dende fai uns anos xa son máis frecuentes e mesmo se capturan". O mesmo acontece co escacho ou peixe rubio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.