Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2024 | Actualizada ás 17:29
O BNG cualificou de "reprobable e escandaloso" o nomeamento da nova directora xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade, María José Echeverría, por ser a compañeira sentimental do director territorial de Ence para Galicia, Antonio Casal.
Nun comunicado emitido este xoves, o viceportavoz segundo do Bloque na Cámara autonómica, Luís Bará, tachou de "sospeitosa" a saída de Ramón Martínez Voga catro meses de acceder ao cargo e a súa sucesión no cargo por parte de Echevarría, nomeada no Consello da Xunta do pasado luns.
"Este nomeamento pon de manifesto a conivencia entre a Xunta e as empresas enerxéticas e pasteiras e as portas giratorias entre PP e Ence", aseverou Bará, que subliñou que a afirmación de que "as grandes empresas teñen unha cadeira no Consello da Xunta é unha verdade como a copa dun eucalipto".
Para a formación frontista, a substitución á fronte do departamento da Consellería de Medio Ambiente encargada de realizar avaliacións ambientais é "un exemplo manifesto de conflito de intereses e de incompatibilidade" pois Echevarría é parella do exdirector da factoría de Ence en Lourizán, que actualmente exerce de director territorial de Ence para Galicia.
Os nacionalistas pon o foco en que a nova responsable de Calidade Ambiental terá que intervir "en procedementos que afectan directamente á empresa do seu compañeiro", como a autorización ambiental integrada para Ence, o proxecto de interese autonómico de ampliación das instalacións de Lourizán ou o proxecto industrial que promove a pasteira nas Pontes.
Finalmente, Bará sinalou que o cambio na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostenibilidade só catro meses do arranque da lexislatura "pode pór de relevo as desavinzas" que existen na Consellería de Medio Ambiente, así como "as presións" e "diferenzas" ante informes de proxectos no punto de mira da opinión pública como Altri ou os parques eólicos.
REACCIÓNS DO PP
O PP reclamou á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que releve do seu posto como deputado ao viceportavoz parlmentario da formación frontista, Luís Bará, polas súas "noxentas declaracións machistas" sobre a nova directora de Calidade Ambiental e Sostenibilidade, María José Echeverría, despois de que cualificase de "escandoloso" que a Xunta elixise para o devandito cargo á compañeira sentimental do director territorial de Ence para Galicia, Antonio Casal.
Nun comunicado remitido aos medios este xoves, o grupo parlamentario do PP na Cámara galega pon o foco na líder nacionalista, á que esixe que "cesamento de inmediato" ao deputado por unhas declaracións que consideran "machistas" e que "menosprezan a competencia e o currículo profesional" da nova responsable de Calidade Ambiental.
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, demanda ao BNG que rectifique as palabras do seu deputado Luís Bará sobre o nomeamento da nova responsable de Calidade Ambiental e Sostenibilidade, María José Echeverría, despois de que cualificase de "escandaloso" que acceda a ese cargo a parella sentimental do director territorial de Ence para Galicia, Antonio Casal.
"A experiencia profesional da directora xeral de Calidade Ambiental fala por si soa. Creo que as declaracións do señor Bará non axudan á igualdade, a promoción profesional das mulleres e a seguir rompendo teitos de cristal. Gustaríame que rectificase", publicou a responsable de Igualdade no Goberno galego na rede social 'X' (antes Twitter).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.