Que hai detrás da suba do canon de SOGAMA?... así cobra a Xunta os seus propios impostos

A nova suba do canon de SOGAMA prevista para 2025 avivou máis as diferenzas entre esta sociedade público-privada e os concellos. Segundo as forzas políticas da oposición as contas non lle dan a SOGAMA por culpa dun modelo de tratamento anticuado e que comezou a gravarse cun imposto elevado, recadado pola Xunta e que está detrás do anuncio da nova suba

Por Moncho Mariño | Santiago | 06/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA) está en boca de todos os concellos e de tres deputacións. A finais de agosto de 2024 anunciaba unha nova suba do canon pola recollida e tratamento dos residuos, isto despois de anunciar e aplicar outra a finais de xuño do mesmo ano. Así, dos iniciais 66 euros por tonelada pasarase a 108 euros en 2025 se as cousas non cambian (42 euros máis). Detrás deste novo anuncio están as políticas de tratamento dos residuos por parte da Xunta, as recomendacións da UE para optar por modelos de reciclaxe ademais de gravar con impostos especiais os sistemas como o de SOGAMA. A partir de aí comezan as repercusións sobre o modelo creado na 'época Fraga': o Imposto sobre o Depósito de Residuos en Vertedoiros, a Incineración e a Coincineración de Residuos (Idires) supón que, en concreto, os residuos xerais municipais que van á planta de Cerceda estarán gravados con 40 euros por tonelada. Outra cuestión para engadir é que a Xunta de Galicia asumiu a recadación deste imposto que paga SOGAMA. Lembremos que esta sociedade está participada pola Xunta e por Naturgy, e por outra parte, de momento o goberno galego non di que vai facer coa recadación deste imposto. Dato curioso tamén é que se este sistema foi creado para a xestión de residuos xerais chegados dos concellos que teñen un representante no Consello de Administración con voz mais non ten voto.

Materiais para reciclado en Sogama
Materiais para reciclado en Sogama | Fonte: Europa Press

POR QUE A SUBA DO CANON?
A Unión Europea estableceu unha Directiva sobre tratamento de residuos para pedir aos estados membros adoptar medidas destinadas á reciclaxe. Por outra parte, tamén pedía gravar con impostos especiais aquelas prácticas de tratamento de residuos que impliquen a incineración, o uso de vertedoiros ou a coincineración. Desta maneira, o BOE publicaba a Ley 7/2022, de 8 de abril, de residuos y suelos contaminados para una economía circular.  A Xunta de Galicia pediu a competencia de recadación deste imposto e así apareceu Ley 36/2022, de 27 de diciembre, por la que se modifica la Ley 17/2010, de 16 de julio, del régimen de cesión de tributos del Estado a la Comunidad Autónoma de Galicia y de fijación del alcance y condiciones de dicha cesión. Así o recolleu despois a Xunta na Orde do 23 de decembro de 2022.

“A raíz está no desfase nas contas de SOGAMA e no fracaso do seu  modelo de xestión” di o deputado do BNG, Luis Bará. Este fracaso implica á Xunta pois é a posuidora do 51% da Sociedade, mentres o 49% é de Naturgy. Por tanto, está sendo o goberno autonómico o que non aplica as directivas da UE e tamén está implicado no fracaso do modelo. “A Xunta non fixo os deberes, non segue as recomendacións da UE. Actualmente queima o 61% dos residuos en lugar de seguir a política de Reducir-Reciclar-Reutilizar reclamada desde a UE” di a deputada do PSdeG, Paloma Castro.

“Tamén hai unha estratexia suicida por parte de SOGAMA que implicou a ampliación de instalacións e a adxudicación de macrocontratos con outras empresas para traballos externalizados” di Bará. A suma dos contratos segundo o deputado nacionalista estaría en 700 millóns de euros con algunhas contratas comprometidas “até 2032”. “O modelo que temos con SOGAMA é finalista e non aposta polas tres R, isto fixo que os concellos se desentendesen tamén da reciclaxe”.

Alén diso, a suba que se lle aplique aos concellos debera ser compensada co imposto sobre residuos asumido pola Xunta de Galicia. “Realmente non sabemos que vai facer a Xunta co diñeiro dese imposto, á parte que entendemos necesario manter o 15% de bonificación aos concellos que facían unha xestión sustentable dos residuos” sinala Paloma Castro. “Os concellos van facer fronte a esta suba porque saben que está en xogo os intereses dos seus e das súas veciñas”.

O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, na Comisión 2ª.. XUNTA
O presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), Javier Domínguez, na Comisión 2ª.. XUNTA

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) xa manifestou a súa oposición aos novos planos de Sogama e considera que tanto esta sociedade como a Xunta de Galicia “están a facer padecer aos concellos as consecuencias do seu modelo de xestión de residuos que é o que está máis penalizado pola Directiva europea de residuos e pola súa transposición na lei de residuos”.

Este modelo implicou que a Xunta ingresara polo IDIRES en 2023 “máis de dez millóns de euros e ten previsto ingresar en 2024 máis de doce millóns”. Por tanto, a Xunta, socia maioritaria de SOGAMA, imprime a esta sociedade o IDIRES, o goberno galego estaría pagando e ao mesmo tempo ingresando o imposto de residuos. “Xa non é tempo de tentar confundir á opinión pública responsabilizando ao goberno de España de afán recadatorio, cando eses 12 millóns van quedar nas arcas da Xunta”.

CONTROL SOBRE A XESTIÓN E A RECADACIÓN
“A Xunta estase a cobrar a si mesma o IDIRES, mais o caso é que descoñecemos se vai reinvestir ese diñeiro en SOGAMA para frear os sobrecustos” apunta Paloma Castro. “Impútalle aos concellos ese imposto e o diñeiro vai para as arcas autonómicas, iso é algo que o director da Sociedade, Javier Domínguez, non está a dicir, que o imposto (IDIRES) é recadado polo goberno autonómico, é un timo aos concellos”.

Por este motivo a FEGAMP acordou demandar á Xunta que achegue a cantidade total recadada en concepto de imposto para aplicar bonificacións no canon dos concellos, “para cumprir os obxectivos marcados coa creación deste tributo, como pode ser trasladar esta rebaixa aos recibos da veciñanza e implantar a recollida separada da materia orgánica”. Isto fai que a Federación reclame á Xunta repartir a contía de máis de doce millóns de euros en concepto de Fondo Ambiental entre todos os concellos. Isto faríase “utilizando como criterio de reparto o número de toneladas depositadas por cada concello, pois é diñeiro das entidades locais detraído do Fondo de Cooperación Local”.

Dito isto, sería necesaria a fiscalización sobre os impostos recadados pola Xunta para coñecer o seu destino final? “Nós entedemos que si se deben fiscalizar, hai moita opacidade sobre as contas de SOGAMA. A Sociedade fala sempre de déficit mais aínda non presentou as contas de 2023” destaca Bará. “Consideramos que o Parlamento non debera fiscalizar SOGAMA porque é a Xunta quen ten a responsabilidade de render contas” di Paloma Castro.

Aínda así, Bará considera necesario presentar “unha proposición para que o Consello de Contas fiscalice os contratos feitos pola Sociedade que parecen recaer sempre nas mesmas empresas do Grupo Valtalia”. Por outra parte, a incineración produce enerxía que “Naturgy vende, aínda así, coa aplicación do imposto as ganancias económicas reducíronse moito para a Sociedade despois de facer o balance entre gastos e ingresos” resume Castro.

A cuestión do canon de SOGAMA está relacionada cun modelo finalista sobre o tratamento de residuos. Este modelo nace dun sistema público-privado que buscaba “eliminar” lixo mediante incineración e depósito. A UE pide aos estados membros que cambien a tratamentos como a reciclaxe ou a reutilización. Por outra parte, pide aos estados que graven con impostos ás empresas que continúen coa incineración e o depósito. A Xunta, maioritaria en SOGAMA, segue co mesmo proceso e o Estado empeza a aplicar o imposto reclamado pola UE. A recadación do imposto é transferida á Xunta e será ela quen leve ese diñeiro para as súas arcas.

O canon de SOGAMA visto desde unha perspectiva moi reducida viría a ser que a Xunta está a cobrarse a si mesma o imposto sobre incineración e depósito. Coa suba do canon, os concellos pagarían máis dos seus fondos alimentando os orzamentos autonómicos. A pregunta que xorde entón é: que vai facer a Xunta cos impostos que se cobra a si mesma? Para esta reportaxe contactouse con SOGAMA, Xunta de Galicia e Grupo Parlamentario Popular dos que non se tivo resposta.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda | Fonte: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta