O maxistrado Andrés Lago Louro ocupará a vacante no Consello Consultivo deixada por Costa Pillado

Anunciado por Alberto Pazos Couñago, portavoz parlamentario do PP galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2024 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O maxistrado Andrés Lago Louro ocupará, a proposta do PP, a vacante no Consello Consultivo deixada o pasado mes de xuño por José Luís Costa Pillado tras a súa elección como vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ). A elección do actual decano de Santiago para ingresar no órgano asesor do Goberno galego foi anunciada en rolda de prensa este venres polo portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago, que destacou o perfil de Lago Louro como idóneo para o cargo.

En palabras do representante do grupo maioritario na Cámara autonómica, o maxistrado conta "con competencia e experiencia máis que suficiente para ocupar a vacante" deixada polo expresidente do Consultivo que desde o mes de xuño é vogal do CGPJ.

Lago Louro deberá comparecer ante a Comisión 1ª do Parlamento, previo paso á súa votación en pleno do seu nome como novo membro do Consultivo, que deberá ser ratificada por unha maioría de tres quintos do hemiciclo ou por maioría simple en caso de non superar o primeiro trámite.

CARREIRA

Reelixido hai dous anos como xuíz decano de Santiago, Lago Louro ingresou na carreira xudicial, por quenda libre, en 2004, pasando a desempeñar o seu primeiro destino no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Por concurso de traslado, foi destinado ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cistierna (Castela e León), lugar onde permaneceu ata regresar a Galicia, en 2005, ano no que comezou a exercer no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Corcubión, lugar e destino onde permaneceu ata 2014, cando tomou posesión como titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago.

En 2020 asumiu a titularidade do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Santiago, onde permanece na actualidade. En setembro de 2018 foi elixido por primeira vez xuíz decano de Santiago. O seu novo nomeamento ten que ser ratificado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e publicado no BOE.

Entre outras actuacións xudiciais, no seu destino en Corcubión, foi xuíz instrutor da coñecida como 'Operación Orquestra', mentres que tamén se encargou en Santiago de Compostela do caso 'Alvia'.

O titular do xulgado de instrución número 3 e decano de Santiago, Andrés Lago Louro. EUROPA PRESS - Arquivo
O titular do xulgado de instrución número 3 e decano de Santiago, Andrés Lago Louro. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta