Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/09/2024 | Actualizada ás 12:57
Afundación, a Obra Social de ABANCA, co gallo do décimo aniversario do seu nacemento ,organiza «Simultánea», unha exposición que achegará ao público un total de 350 obras pertencentes á súa colección de arte, da autoría de máis de 200 artistas galegos dos últimos dous séculos e que se inaugurará simultaneamente o próximo 9 de outubro nas sedes de Afundación na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. Será unha ocasión única para aproximarse á mellor colección de arte contemporánea de Galicia mostrada como nunca antes.
A Colección de Arte Afundación está formada por máis de 5000 obras e ofrece unha visión ampla da arte galega desde finais do século XIX ata a actualidade, ademais dunha destacada selección de creación española e portuguesa. A comisaria de «Simultánea» e coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, explicou que se trata «dunha proposta dunha dimensión inédita e un dos proxectos expositivos máis ambiciosos de cantos se expuxeron en Galicia nos últimos anos». Un equipo multidisciplinar, cunha importante presenza de profesionais de Afundación, traballou na construción destas sete miradas e na coordinación das máis de vinte empresas do sector cultural que participaron nos labores de conservación, deseño ou transporte, o que supuxo todo un desafío organizativo ao longo dos últimos dous anos.
A iso, precisamente, se referiu tamén durante a súa intervención na presentación desta mañá Miguel Ángel Escotet, destacando o traballo de planificación e execución de «Simultánea», que cualificou de «minucioso, profesional e brillante de todo o equipo de Afundación, moi especialmente da área de Cultura», e grazas ao cal «podemos presentar sete lecturas da nosa colección que tamén se recollen no catálogo complementario no que sete especialistas asinan cada un un texto introdutorio para cada capítulo no que, cun enfoque libre, se aborda o tema asignado, ben desde unha mirada xeral, ben desde unha lectura máis concreta da Colección de Arte Afundación».
SETE EXPOSICIÓNS
Cada unha das 7 exposicións que integran «Simultánea» mostra unha lectura diferente da Colección de Arte da Obra Social de ABANCA, ofrecendo ao público unha maneira atractiva e suxestiva de aproximarse a creacións de tres séculos distintos, delimitados pola peza máis antiga, un Villaamil de 1827, e as máis actuais, unha fotografía de Xurxo Gómez Chao, unha instalación de Pilar Alonso e unha escultura de Din Matamoro, todas elas, do ano 2011.
A Coruña. Capítulo «Modo retrato». Permítenos achegarnos á utilización do xénero do retrato como vehículo para profundar na análise de identidades e complexidades da alma humana, ademais de ser un fantástico campo de experimentación para as diferentes linguaxes que caracterizan a arte contemporánea. Conforman a mostra as obras de cincuenta e nove artistas, tales como Colmeiro, Laxeiro, Antón Lamazares, Xaime Quessada ou os coruñeses José María Labra, Román Navarro, Antón García Patiño, Victoria Diehl ou María Corredoira, entre outros.
Ferrol. Capítulo «O obxecto contemporáneo e doméstico». Acolle as obras dedicadas ao ámbito íntimo e familiar do ser humano. Unha nómina de corenta e nove artistas narran este capítulo correspondente á cidade ferrolá. Nomes como Luís Seoane, Elena Gago, Tino Grandío, Alfonso Abelenda, Carlos Maside, Xaime Quessada ou os veciños de Ferrolterra Segura Torrella, Jorge Llorca e Loureiro.
Lugo. Capítulo «Escenas de costa e mar dentro». O mar, coas súas múltiples facetas, é o protagonista da sede de Lugo, abordado nun percorrido que avanza desde a representación dos portos, ata os mares imaxinados e irreais pasando por unha chamada á sustentabilidade dos nosos océanos. Entre os autores figuran Urbano Lugrís, Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Vari Caramés, Prego de Oliver ou os lucenses Tino Grandío, Antonio Murado e Christian Villamide.
Ourense. Capítulo «Espazo aberto e natureza». A Sede de Afundación en Ourense albergará aquelas obras nas que a arte centra a súa mirada sobre a natureza con pezas que mostran tanto a impresión da orografía como a expresión daquilo que os artistas senten fronte ao mundo natural. Entre os trinta e nove artistas presentes nesta mostra, atópanse nomes como Castelao, María Antonia Dans, Serafín Avendaño, Pamen Pereira, Manolo Paz, e os vinculados a Ourense como Prego, Xaime Quessada, Antonio Quesada ou Virxilio.
Pontevedra. Capítulo «Abstraccións e mensaxes cifrados». Anímanos a relacionarnos coa linguaxe abstracta como forma de interpretar o mundo en clave subxectiva. Unha formulación que se mostra a través das pezas de trinta e tres autorías, como Basallo, Laxeiro, Lodeiro ou Mampaso, ademais de artistas vinculados á cidade como Huete, Ruibal, Rafael Úbeda ou Almudena Fernández.
Santiago. Capítulo «Arquitecturas narradas». Preséntanos obras que reflexionan sobre as relacións da cidade e a arte, sobre a urbe como reflexo dunha contorna cotiá ou como destino exótico, como recurso existencial ou opresivo, ou como testemuño dunha realidade imaxinada. Corenta e dous artistas asinan o relato sobre o diálogo entre a cidade e a arte, entre quen está Mario Granell, José Villamil, Tatiana Medal, Segura Torrella ou os santiagueses de nacemento Alfonso Costa, Manuel López Garabal, Aymerich, Romero Masiá e Antón Cabaleiro.
Vigo. «Voar coa imaxinación». Aborda o concepto de fantasía como elemento fundamental da creación artística. Cincuenta e seis autorías conducen a proposta da exposición viguesa, con nomes da talla de Eugenio Granell, Pamen Pereria, Manuel Vilariño ou Carlos Alcolea, ademais dos estreitamente vinculados á cidade de Vigo como Menchu Lamas, Jorge Barbi, Antón Puído ou Din Matamoro, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.