O Museo do Humor Xaquín Marín convértese no 'Olimpo da caricatura'

Acolle unha exposición con obras dos mellores caricaturistas a nivel mundial que poderá visitarse ata o 30 de outubro deste ano. O ambicioso proxecto xorde da colaboración entre o Museo do Humor e Xaquín Marín.

Por Galicia Confidencial | Fene | 15/09/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Quince humoristas gráficos de recoñecido prestixio internacional participan na exposición O Olimpo da Caricatura que se inaugurou o pasado 6 de setembro no Museo do Humor Xaquín Marín. A mostra recolle unha selección de obras dos que, a xuizo do humorista gráfico e fundador do museo fenés Xaquín Marín, son “os mellores caricaturistas a nivel mundial” e ten como obxectivo “ensinar no meu país e en todo o mundo que o debuxo de humor pode ser unha arte tan sublime como outras que sempre foron mellor valoradas”.

Inauguración da mostra con Xaquín Marín como anfitrión. Foto: Museo do Humor de Fene.
Inauguración da mostra con Xaquín Marín como anfitrión. Foto: Museo do Humor de Fene.

O Olimpo da Caricatura poderá visitarse no Museo do Humor (Avda. de Conces, 20-22, Fene A Coruña) ata o 30 de outubro de 2024 sendo o horario de visitas até o 11 de setembro, de luns a venres, de 10 a 14.15 horas, e a partir desa data, de luns a venres de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.

HUMORISTAS GRÁFICOS

Agim Sulaj (Albania, 1960), Alessandro Gatto (Italia, 1957), Ángel Boligán (Cuba, 1965), António Moreira Antunes, “António” (Portugal, 1953), Cau Gómez (Brasil, 1972), Dalcio Machado (Brasil, 1972), David Vela (España, 1967), Izabela Kowalska-Wieczorek (Polonia, 1955), Luc Descheemaeker, “O-Sekoer” (Bélxica, 1955), Mahboube Pakdel (Irán), Marilena Nardi (Italia, 1966), Michael Kountouris (Grecia, 1960), Mikhail M. Zlatkovsky (Rusia, 1944), Pawel Kuczynski (Polonia, 1976) e Siro López (España, 1943) son os humoristas gráficos seleccionados por Xaquín Marín coma os mellores do mundo. De cada un deles, amosaranse na exposición tres obras, escollidas por eles mesmos, que mellor definen a súa arte ou que consideran as máis representativas da súa traxectoria artística.

AGRADECEMENTOS

Desde o Museo do Humor Xaquín Marín saliéntase a xenerosidade e vontade de colaboración que amosaron todos os humoristas gráficos cos que se contactou e que, rapidamente, aportaron obra para este Olimpo da Caricatura “que levo tanto tempo imaxinando”, en palabras do artista fenés.

Unha visitante da inauguración da mostra. Foto: Museo do Humor de Fene.
Unha visitante da inauguración da mostra. Foto: Museo do Humor de Fene.

Un dos obxectivos do Museo do Humor desde a súa orixe foi o de “utilizar o humor como vehículo de irmandade e traer a Galicia os mellores traballos que se fan polo mundo adiante”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta