Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2024 | Actualizada ás 20:05
O Parlamento de Galicia pediu ao Goberno central que modifique a regulación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) e as leis sobre os Impostos sobre Sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio para recoller entre as exencións desta taxa as axudas que sexan outorgadas a deportistas, adestradores, técnicos, árbitros ou xuíces de alto nivel polas administracións autonómicas.
A proposición non de lei, defendida polo deputado do PPdeG Pablo Prieto, foi aprobada na tarde deste mércores na Comisión primeira da Cámara galega cos votos a favor do PPdeG, o BNG e DO. Pola súa banda, os socialistas optaron pola abstención tras non se aceptada polos populares a emenda que formulaban.
Na súa intervención, Pablo Prieto sostivo que, na actualidade, a modificación do artigo 7 da Lei 35/2006 do IRPF "beneficia só aos deportistas que reciben axudas de contido económico por parte do Consello Superior de Deportes, o Comité Olímpico Español, o Comité Paralímpico Español e a Asociación de Deportes Olímpicos polo que os deportistas galegos non poden acceder a esas vantaxes fiscais se só reciben axudas por parte da Xunta".
"É unha cuestión que non debemos deixar pasar por alto, polo que esiximos ao Goberno central sensibilidade e criterio para garantir a igualdade para os deportistas no conxunto do Estado, ademais dunha medida que garanta o pleno exercicio de competencias exclusivas que a Comunidade galega ten en relación co deporte", indicou Prieto.
O parlamentario sinalou que "Galicia xa fixo os deberes neste ámbito" e lembrou a modificación lexislativa realizada en 2019 para establecer unha nova dedución na cota íntegra autonómica do IRPF referida a as axudas obtidas polos deportistas de alto nivel de Galicia da Administración galega".
POSTURA DA OPOSICIÓN
Na sesión na que o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, rexeitou facer uso da súa quenda de palabra, a parlamentaria socialista Patricia Iglesias defendeu unha emenda a través dos socialistas esixían á o Xunta que exercese a súa capacidade fiscal na cota autonómico do IRPF e estude a "ampliación da dedución" en lugar de pedir a exención no artigo sete do IRPF.
E é que, segundo dixo, iso é "incompatible" coa dedución que fai o propio Goberno galego salvo que "a queira eliminar". Por iso, avanzou que os socialista estarán "moi vixiantes".
Pola súa banda, tras a intervención dos populares e os socialistas, o nacionalista Iago Suárez criticou o "pimpampum" entre dúas administracións e, aínda que avanzou o seu apoio á medida, criticou que os populares se limiten a levar á Cámara "iniciativas atacando ao Goberno español". "Aquí parece que en todas as incitativas cando algo vén do Estado, está mal; cando vén da Xunta, está ben", censurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.