Por Alberto Quian | Arousa | 28/12/2015 | Actualizada ás 08:00
O Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), con base en Ribeira, vén de presentar un novo achádego para a ciencia. Trátase dunha nova especie de limacia só atopada até o de agora na ría de Arousa e á que os investigadores bautizaron como limacia ibérica.
A importancia do descrubrimento desta nova especie de molusco gasterópodo radica en que até o de agora só se coñecían no mundo seis especies de limacia, das que só unha delas se atopa en Europa, a limacia clavigera. A nova especie atopada, a limacia ibérica, é polo tanto a sétima deste xénero e a segunda que habita en augas europeas.
O achádego xa foi presentado ao mundo polos investigadores nun artigo científico publicado na revista Cahiers de Biologie Marine co titulo The sea slug genus Limacia Müller, 1781 (Mollusca: Gastropoda: Heterobranchia) in Europe, asinado por Manuel Caballer Gutiérrez, do Muséum National d'Histoire Naturelle de Francia; Bruno Almón Pazos, do Instituto Español de Oceanografia, e Jacinto Pérez Dieste, do Grupo de Estudo do Medio Mariño.
Segundo os propios investigadores, a nova especie foi atopada en setembro de 2010, pero o exemplar descuberto foi erroneamente identificado como unha limacia clavigera. Agora, os tres científicos aportan os resultados do seu traballo, no que fixeron unha análise adicional do exemplar atopado que lles permitiu detectar certas características singulares que non encaixaban coas da limacia clavigera e que fan que se poda identificar como unha nova especie.
A limacia ibérica foi incluída o 25 de decembro, día de Nadal, no World Register of Marine Species - WoRMS (Rexistro Mundial de Especies Mariñas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.