Plan eólico de Galicia: unha vía de futuro ou unha anomalía democrática?

Nos últimos días houbo cruce de comunicados entre a Consellería de Medio Ambiente e o TSXG. E todo, a conta da resposta que Europa pode dar a causa prexudicial que pesa sobre as sentenzas ditadas polo máximo órgano xudicial galego sobre o plan eólico da Xunta. Mentres a Xunta amosase confiada sobre o seu plan están as voces que defenden a maior presenza de axentes sociais dentro das políticas enerxéticas do goberno galego.

Por Moncho Mariño | Santiago | 29/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, trasladaba á Asociación Eólica Galega (EGA) que “non van quedar cos brazos cruzados” ante a “parálise” do sector eólico en Galicia. Dita parálise é atribuida ás diferentes paralizacións de varios proxectos eólicos en territorio galego desde os tribunais. Esgotadas todas as vías ou esgotada a paciencia da propia Xunta, o executivo autonómico decide recorrer a Bruxelas cun proxecto de lei de administración ambiental simplificada. Este texto, segundo manifestaba o presidente Alfonso Rueda, busca: “actualizar o marco normativo autonómico vixente co dobre obxectivo de “adaptalo aos novos retos” en materia de clima e enerxía e, á vez, “reforzar a seguridade xurídica” que exixen tanto os promotores de actividades económicas suxeitas á intervención ambiental, como as administracións responsables da súa aplicación”. Con todo, o mesmo día que Ángeles Vázquez anunciaba que a proposta lexislativa galega “foi ben acollida” pola Comisión Europea, o TSXG anunciaba a paralización de sete proxectos máis sumando un total de cincuenta e nove. Os empresarios do sector denuncia a xudialización das instalacións eólicas e sectores sociais rexeitan o actual modelo eólico por considerar que se desenvolve de costas ao tecido rural galego.

A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, nunha rolda de prensa
A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, nunha rolda de prensa | Fonte: César Argina

BRUXELAS E A LEI

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mostraba “satisfacción” ante o que consideraba un aval de Bruxelas para o novo marco xurídico que a Xunta quere pór en marcha de cara o desenvolvemento da enerxía eólica. Transmitiu que a proposta foi ben acollida e cando se aplique dará a seguridade xurídica para estes proxectos. “A Xunta de Galicia recorre a unha vía lexítima para defender a súa postura como é recorrer á UE”, di o catedrático de Economía da UVigo, Xavier Simón e membro do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) integrado pola Fundación Juana de Vega, Uvigo e a Fundación Isla Couto.

Alén diso, “o que sucede co sector eólico en Galicia é consecuencia dunhas decisións xurídicas da Xunta amparadas pola maioría absoluta do PP” sinala Simón. Esas decisións xurídas afectaron ao marco que arranxara o goberno bipartito e que en 2009 foi “modificado de maneira substanciosa para pasar dun sistema de concorrencia competitiva a outro de liberalización do mercado”. Isto implicou, segundo o profesor Simón, deixar o sector eólico desvinculado de sinerxías para desenvolver, non só a industria, senón subsectores económicos que aportarían emprego.

Aquí temos uns conflitos xudiciais con parques que foron tramitados algúns xa desde 2010” sinala Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA). “Temos autorizados 3.000 Mw de potencia para xerar, mais iso está todo paralizado” e engade que “a metade están parados polos servizos técnicos da Xunta e a outra metade polo TSXG”. En tanto que presidente dunha asociación vinculada ao desenvolvemento eólico galego, preguntóuselle se EGA “animou” á conselleira de Medio Ambiente a ir até Bruxelas e presentar a situación dos eólicos en Galicia. “Non, iso foi unha iniciativa propia, nós xa temos os nosos contactos na UE”. Tres días despois do anuncio de Ángeles Vázquez, a conselleira reuníase con EGA para expor os resultados da reunión.

Xeradores eólicos
Xeradores eólicos | Fonte: Arquivo

Mais o que trascendeu foi a queixa da conselleira ante a UE sobre a “parálise” do sector, e iso que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) anunciou prioridade para a cuestión eólica galega. Isto provocou que Ángeles Vázquez dixese, segundo indican medios especializados do sector eólico: “parece que abriron os ollos e ven que pode haber un verdadeiro caos en España derivado das teses do TSXG”. Porén, desde EOGA consideran que as medidas cautelares do alto tribunal galego farán repensar a política da Xunta sobre a política eólica. Sobre se a UE finalmente non desexa avalar os procesos lexislativos do executivo galego, o EOGA non dá unha opinión dados os moitos factores que hai sobre a mesa.

REPENSAR O MODELO EÓLICO, TODOS DE ACORDO?

“Entendemos que hai certa anomalía democrática pois non é normal que a cidadanía deba poñer recursos económicos e tempo para defenderse dun modelo de transición enerxética onde todos deberiamos ir na mesma dirección”, reflexiona Xavier Simón. A mesma anomalía democrática se ve definida pola falta de comunicación entre Xunta e cidadanía. “Isto é unha anomalía democrática chegada desde una configuración inadecuada do sistema, isto non sucede noutros lugares coa intensidade que vivimos aquí”.

Sobre o proceso xudicial, o TSXG pediu á UE pronunciarse sobre a legalidade dos parques eólicos galegos. Esta consulta foi anulada logo de presentar a Xunta un recurso alegando que non se tivera escoitado a todas as partes implicadas. Con todo, a situación acabará no tribunal de Luxemburgo. A respecto disto, Manuel Pazo declara que “traballamos cunha lexislación básica do Estado de 2013 e segundo o Tribunal Supremo as cousas estanse a facer ben pois esa lexislación aplica aquí e no resto do Estado”. Dito isto, Pazo resalta: “non ten sentido que o válido para outras autonomías non o sexa aquí”. A consecuencia máis inmediata, se se suman todos os tempos que duran tramitacións, resolucións e outros procesos, son dez anos en que os proxectos están parados.

“É necesario repensar o modelo, vemos claramente que non se sabe levar adiante a transición enerxética desde o combustible fósil á enerxía verde” di Simón. “Temos claro que o rural debe xogar un papel diferente neste proceso e non ser o patio traseiro das eléctricas”. O sinalamento do rural e a súa participación implicaría inserilo na toma de decisións sobre o aproveitamento do chan para colocar os parques eólicos, onde situalos e sobre todo, facer que parte desa enerxía flúa cara industrias tanto vinculadas a este espazo como outras fontes de emprego. “Estamos nunha situación de emerxencia segundo os parámetros e é necesaria unha transición enerxética xusta pois a emerxencia non xustifica a non participación das comunidades rurais”.

“Galicia ten un problema nos mercados porque calquera proxecto eólico aquí non encontrará financiamento ante a inseguridade xurídica” di Pazo. “Logo de catro anos sen instalar nada podes dicir que xa hai un parón eólico” con “máis de cen expedientes en contencioso administrativo dos que resolveron catro e os demais esperan a resolución da UE”. Alén diso, Pazo analiza a situación entre rural e eólicos desde a súa experiencia “de corenta anos no sector, estamos en máis de cen concellos e a convivencia non presenta problemas pois a maioría son concellos de entre 2.000 e 4.000 habitantes, algúns son dos máis pobres e nos seus montes non hai outro tipo de actividade”. Sobre o impacto económico, Pazo apunta que as arcas dos concellos poden recibir por ano entre 12.000 e 13.000 euros por cada eólico. “Tamén axudan á retención de poboación no rural, o feito de irse xente destes lugares é que a xente nova quere vivir nas cidades, e por outra parte, en montes mancomunados permitiu a realización de accesos e a recuperación da actividade neses espazos”.

Finalmente a UE pode ter a última palabra para o sector eólico en Galicia. Nin sequera un cambio legal que liberou o chan rústico non protexido foi suficiente para acelerar o proceso de implantación eólica. Intereses empresariais e económicos chocan cos medioambientais, rurais e legais presentados en defensa do medio, da paisaxe e da biodiversidade. Isto último é máis ben unha cuestión política e negacionista para representantes do sector que, din, ven como se está escapando unha oportunidade de ingresos, mesmo “1.000 millóns de euros para o PIB galego”.

Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda tras o Consello da Xunta deste luns
Ángeles Vázquez e Alfonso Rueda tras o Consello da Xunta deste luns | Fonte: DAVID CABEZON
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta