O incerto futuro de Alcoa: é a intervención do Estado unha solución?

A hipotética intervención do Estado na factoría de Alcoa San Cibrao é unha proposta que moita xente espera como “auga de maio”. Partidos como o BNG ou PP piden xa a intevención estatal. Outras voces consideran necesario o estudo da situación económica e de mercado antes que calquera intervención, pois podería ser unha medida moi arriscada para as arcas públicas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os senadores do PpdeG no Senado, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, presentaron dúas preguntas ao Goberno: “se ten previsto autorizar os parques eólicos (que xa contan cos permisos da Xunta) para dar enerxía á planta de Alcoa a prezos competitivos e se está disposto a intervir temporalmente a planta se fose necesario”. Sorprende a segunda cuestión cando menos por vir dun partido teoricamente contrario a calquera intromisión do Estado en cuestións de mercado e empresa. Aínda así, e sendo temporal, segue parecendo contradictorio tan sequera mencionar a intervención estatal dunha empresa por parte dun partido con vocación liberal. Máis aló das cuestións ideolóxicas tamén está a cuestión de se é necesaria ou non a man do Estado para “rescatar” unha empresa que, a día de hoxe, debe facer fronte a uns gastos importantes en enerxía a pesar de ter baixado o rendemento.

A fábrica de aluminio de Alcoa, en San Cibrao, Cervo, en xaneiro de 2024
A fábrica de aluminio de Alcoa, en San Cibrao, Cervo, en xaneiro de 2024 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo


PREGUNTA SEN RESPOSTA
O PP no Senado presentou unha batería de preguntas, entre elas se o Goberno estaría disposto a intervir temporalmente a factoría de Alcoa, polo menos até que aparecese un comprador fiable, sobre todo pensando que falamos da única planta de aluminio primario que queda en todo o Estado e de cara a manter os postos de traballo. “Non contestou, en tal caso, reformularemos e volveremos insistir porque contestar van ter que facelo” di o senador José Manuel Balseiro.

O mesmo senador lembra que no caso desta factoría, os parques eólicos que a alimentarían non están paralizados, por tanto o tema da enerxía de momento non debera ser un problema para non responder. “Tamén debemos recordar que o Goberno presentou os plans para a fábrica fóra de prazo, ademais de dicir que solucionaría este asunto (parques eólicos) cun Real Decreto”, sinala Balseiro. O senador 'popular' menciona tamén “as dúas reunións que tivo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, co comité de empresa prometendo a materialización dos parques eólicos e aínda non están”.

Sobre os pasos que debera dar o Goberno para un movemento como este, Balseiro indica que as competencias nese punto son do Executivo central e por tanto, debe ser este quen dea os pasos pertinentes. Así, no artigo 128.2 da Constitución, sen deixar de recoñecer o libre mercado como o marco para a iniciativa privada, o Estado resérvase en última instancia a intervención de empresas baixo o condicionante do interese xeral.

A propiedade quedaría en mans dos titulares, “mais a xestión e a actividade da empresa está dirixida por un órgano público que participa na toma de decisións ou substitúe totalmente os órganos normais de decisión”. Porén, para poder facer isto e en nome do interese xeral, a intervención debe facerse “mediante lei”, o Estado necesitaría unha lei singular para intervir nunha empresa. Isto mesmo podería levar a atrasos en caso de presentarse recursos ou emendas.

Imaxe de 'populares' lucenses en Alcoa San Cibrao.. PP DE LUGO
Imaxe de 'populares' lucenses en Alcoa San Cibrao.. PP DE LUGO

CANDO INTERVIR
Se así o establece a lei, debera intervirse cando estea en risco o interese xeral de toda a cidadanía. Aínda así, sería realmente “estabilizador” a presenza do Estado dentro das empresas privadas como Alcoa? “Cando falamos de intervención nunha empresa ao mellor o problema resulta ser a mesma intervención” sinala o doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Anxo Bastos Boubeta.

Nese sentido é necesaria unha análise para ter coñecemento sobre o problema de fondo. “No caso de Alcoa é o prezo da enerxía, non obedece a unha cuestión estrictamente laboral, por tanto, se a enerxía sobe o máis probable é que a empresa non sexa rendible” apunta Miguel Anxo Bastos. “Antes da intervención deberían buscarse outras vías como por exemplo compra de dereitos de emisión, por exemplo”. Tamén se debe mirar se o estado actual da empresa é só un “pico” momentáneo e que pode diluirse no tempo.

“É necesario estudar a viabilidade da empresa, se é rendible investir nela diñeiro público, senón sería un peso para o estado” afirma Bastos. “Hai ocasións en que o Estado fixo unha intervención e as empresas estiveron tempo esmorecendo até que pecharon”. O medo está en que non haxa unha renovación tecnolóxica, non se invistan os cartos públicos en melloras e ao final a empresa acabe vivindo exclusivamente de subvencións.

Preguntado sobre a pregunta do PP con respecto á intervención do Estado na factoría de San Cibrao, e a contradicción que pode haber entre a liña política do partido e ofrecer unha hipotética entrada do Estado na factoría, a resposta é: “iso queda ben”.

De todas maneiras, a situación é de incerteza, e a implementación dos parques aprobados parece tardar. A intervención podería darse en caso que “o interese xeral” se vise prexudicado ou se a empresa é rendible mais os propietarios non queren seguir con ela poñendo en perigo un sector estratéxico. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta