Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2024 | Actualizada ás 18:49
A comisión parlamentaria que investigará os contratos da Xunta durante a pandemia e a súa relación con Eulen, así como o modelo elixido pola Administración galega para levantar o hospital Álvaro Cunqueiro, cumpriu este luns un novo paso cara á súa constitución coa designación dos represesentantes dos grupos políticos.
Ás 18,00 horas pechou o prazo para rexistrar os deputados titulares de cada un dos grupos na comisión, entre os que estará, como representante do PP, o conselleiro de Sanidade entre 2020 e 2024, Julio García Comesaña.
Ademais, o PP incluíu na comisión ao seu portavoz parlamentario, Alberto Pazos Couñago; ademais da a vicepresidenta primeira da Cámara, Elena Candia, e a secretaria da Mesa do Parlamento e exconselleira, Ethel Vázquez. Completan a lista de nove nomes do grupo maioritario os deputados Raquel Arias, Miguel Fidalgo, Carmen Pomar, Roberto Rodríguez e Cristina Sanz.
Pola súa banda, os nacionalistas estarán encabezados no organismo que eles mesmos forzan crear grazas aos seus 25 deputados polo seu líder, Ana Pontón, xunto á vicepresidenta segunda da Cámara e portavoz de Sanidade na Cámara, Montse Prado. Xunto a eles sentarán na comisión o viceportavoz segundo dos frontistas no Pazo do Hórreo, Luís Bará, e os deputados Iago Tabarés e Óscar Ínsua.
Por parte dos socialistas estarán na comisión o seu portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, e o número dous do grupo, a exministra Elena Espinosa. A todos eles súmase o parlamentario de Democracia Ourensana e único integrante do grupo mixto Armando Ojea.
PLAN DE TRABALLO
Unha vez rexistrada e designados os representantes de cada grupo na comisión investigadora, o seguinte paso será a configuración do plan de traballo, no que os grupos deberán acordar, entre outras cuestións, quen serán citados a comparecer e que documentación requírese para a súa análise, entre outras cuestións.
A elaboración do plan de traballo provocou a saída dos grupos da oposición na, ata o momento, única ocasión na que o Parlamento de Galicia creou unha investigación política sen contar co apoio maioritario da Cámara.
A negativa do PP a incluír aos familiares dun home falecido na PAC da Estrada (Pontevedra) mentres agardaba a ser atendido entre os comparecentes da comisión creada en 2018 para investigar os recortes en sanidade fixo que En Marea, PSdeG e BNG decidisen abandonar a comisión que eles mesmos forzaran e que nunca chegou a terminar os seus traballos.
A OPOSICIÓN RECLAMA AO PP QUE FACILITE A POSTA EN MARCHA
Este luns, a preguntas dos xornalistas en senllas roldas de prensa ofrecidas pola deputada Olalla Rodil e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a oposición reclamaron ao PP que facilite a posta en marcha da comisión e non poña trabas ás peticións de comparecencias.
Entre elas, tanto nacionalistas como socialistas xa avanzaron que entre nas súas listas de nomes de comparecentes estarán o do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o seu predecesor no cargo e actual líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo.
Despois das críticas de Feijóo ao BNG, aos que acusa de "facer de palmeiro" do PSOE coa creación desta comisión de investigación que porá o foco sobre a relación da Xunta con Eulen, empresa da que a súa irmá, Micaela Núñez, é a máxima responsable para o noroeste de España; Olalla Rodil acusou ao líder do PP de ser "o único que tenta esconder algo".
"Xa que é tan voluntarioso, entendo que (Feijóo) será o primeiro en vir de motu proprio a dar explicacións sobre os contratos á empresa que dirixe a súa irmá en Galicia", aseverou Olalla Rodil.
Pola súa banda, Besteiro reclamou ao PP que "non torpedee" a presenza de comparecentes propostos pola oposición para permitir que a investigación "sexa ampla" a través dunha comisión que espera que comece a traballar "canto antes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.