Como actúa o PPdeG ante dous casos de violencia machista: recupera ao edil da Illa e fai dimitir ao de Ribadavia

Rueda evita comparar os dous casos e di que no caso do edil de Ribadavia a súa baixa do partido "procedía".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/09/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Dous políticos condenados por violencia machista, os dous por agresión as súas parellas e os dous do Partido Popular. Pero o trato dado a cada un deles é ben diferente. Trátase do ex candidato do PP, ex edil non adscrito e agora, novamente, concelleiro popular na Illa de Arousa Matías González Cañón, e do ex edil do PP en Rivadabia, Juan Carlos Fernández.

Matías González Cañón, cando era candidato do PP na Illa
Matías González Cañón, cando era candidato do PP na Illa | Fonte: PPdeG - Arquivo

O primeiro, condenado en 2011 por violencia machista tras golpear á súa exparella, está pendente de volver pola porta grande ao PPdeG tras pasar uns meses de "desterro" no Grupo Mixto.  O segundo, condenado tamén por case o mesmo este mesmo mes, pediu a baixa como concelleiro a pasada semana tras a presión de boa parte do seu partido.

Matías González foi apartado abruptamente das listas do PPdeG tras as eleccións municipais do pasado ano ao coñecerse que fora condenado por violencia machista. A pesar da repercusión mediática e a súa suspensión de militancia, o comité local do partido decidiu manter a presión e, un ano despois, foi reintegrado nas filas populares.

 

RIBADAVIA

 

Ben diferente é o caso do ata fai uns días concelleiro de Servizos Municipais en Ribadavia, Juan Carlos Fernández. O concelleiro presentou a pasada semana a súa renuncia aos seus cargos no goberno local e á súa acta de edil. Un paso moi semellante ao dado por González Cañón e que chega despois de transcender que o edil sería detido a pasada semana por mor dunha denuncia da súa parella. Segundo puido confirmar Europa Press, este martes pasou a disposición xudicial e quedou en liberdade e investigado por un suposto delito de violencia machista.

 

E QUE OPINA O PPdeG

Preguntado por GC ao respecto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o líder do PPdeG, Alfonso Rueda, evitou argumentar as razóns que sustentan a decisión do seu partido de recuperar para as súas filas ao edil Matías González Cañón, e de animar a pedir a baixa do partido a outro concelleiro, Juan Carlos Fernández, investigado por un suposto delito tamén de violencia de xénero.

 

O presidente galego tentou non afondar na polémica e alegou que non sabe con exactitude o grao de integración do edil da Illa, á vez que se refería en exclusiva ao caso "máis recente", o de Ribadavia. "Foi unha renuncia persoal, que aceptamos, baseada nun caso no que creo que procedía", limitouse a manifestar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta