Facenda eleva a 628 millóns de euros o que perdería Galicia co pacto fiscal entre Sánchez e Cataluña

Con cifras de 2021, o Executivo autonómico estimara unha perda de 444 millóns de euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, advertiu de que a saída de Cataluña do réxime común suporía un "maior prexuízo" para Galicia que o anterior trasladado pola Xunta, unha vez coñecidas as cifras definitivas da liquidación do sistema de financiamento autonómico para 2022. A comunidade galega "perdería 628 millóns de euros" segundo o novo cálculo da Xunta, en relación ao que recibiu ese ano, o último con datos pechados. Con cifras de 2021, o Executivo autonómico estimara unha perda de 444 millóns de euros.

Trasladouno durante a súa intervención nunha xornada organizada pola confederación de empresarios de Galicia (CEG) coa participación da presidenta da autoridade independente de responsabilidade fiscal (AIReF), Cristina Ferreiro. Pola súa banda, Ferreiro apelou "á responsabilidade de todas as administracións públicas" no plan fiscal estrutural, necesario para cumprir as novas regras fiscais, algo para o que constatou que "se vai tarde".

O conselleiro de Facenda, a presidenta da AIReF, o presidente da CEG e a conselleira de Economía
O conselleiro de Facenda, a presidenta da AIReF, o presidente da CEG e a conselleira de Economía | Fonte: XUNTA

Tamén Miguel Corgos, na súa intervención, urxiu ao Goberno central a determinar as normas fiscais que hai que aplicar de acordo co novo marco de gobernación económica da Unión Europea, vixente desde o pasado 30 de abril. Todo iso nunha xornada na que transcendeu que o Goberno apraza a tramitación da senda de déficit no Congreso dos Deputados por falta de apoios.

AIReF

No seu discurso ante os empresarios, a presidenta da AIReF mostrouse á espera de ver se haberá obxectivos e "expectante" por se serán "consistentes" co plan. Tamén trasladou preocupación polas "reformas pendentes que parece que se van abordando de maneira fragmentada", o cal "non axuda para nada". "A pesar de que imos tarde, non renuncio a apelar á responsabilidade de todas as administracións públicas", concluíu, en referencia explícita tanto ao Goberno central como ás comunidades autónomas. "Está en xogo a credibilidade da nosa economía", remachou.

FACENDA

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, quen tamén lamentou que "se chega moi tarde" para a adaptación ao novo marco, sinalou a reformas pendentes. En concreto, apuntou á reforma tributaria, á do sistema de financiamento autonómico e local, dos mecanismos extraordinarios e das normas de estabilidade orzamentaria.

A CEG

Por parte da CEG, o seu presidente, Juan Vieites, lembrou que Galicia presenta, neste contexto de axustes, "importantes necesidades de investimento, para garantir a súa competitividade futura". Incidiu así en que os fondos europeos 'Next Generation' deben xogar "un papel vital na canalización destes investimentos" e apuntou ao "número moi elevado de entidades locais, que deben tamén xestionar o seu orzamento e dar servizos á cidadanía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta