Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 24/09/2024 | Actualizada ás 17:07
A Confederación Intersindical Galega convocou para este xoves, ás 12.00 horas, unha concentración ante as instalacións do grupo Indea, antes Hispalmoldes, no polígono de Pereiro de Aguiar, en Ourense, para denunciar o despedimento de cinco traballadores.
Así o explicou o secretario comarcal de CIG-Industria, Indalecio Gómez, quen en rolda de prensa puxo o foco na situación que vive Hispamoldes desde que foi adquirida polo grupo Quarza e despois, cun 60 % das accións, polo grupo italiano SAPA.
"A situación é moi lamentable porque non hai unha decisión clara por parte de ningún dos grupos para facer aquí a produción", manifestou Gómez, sinalando que si se mantén a oficina técnica e tamén se realizan os proxectos, pero afeando que a produción "leva para distintos países como China ou Marrocos", algo que "está a pasar na automoción nos últimos anos".
Desde o sindicato entenden que os despedimentos se producen porque se terminou un ERTE sen acordo, pero advirten de que dos cinco traballadores tres son delegados sindicais --dous da CIG e un de UXT-- polo que "estatutariamente é de dominio público que teñen prioridade de permanencia na empresa" e cren que "o que fixeron foi aproveitar que se teñen que desfacer de traballadores para cargarse ao tres".
Segundo explicaron na rolda de prensa, aos traballadores trasladóuselle, por parte da empresa, "a necesidade dun cambio de negocio", coa intención de pasar da fabricación de moldes ao mecanizado. "Como se atopaban nunha sección de axuste e erosión, fundamental para a fabricación de moldes, cárganse esa sección e despídenos, pero nós cremos que iso non é así", sinalaron os responsables da CIG.
Tal e como denunciaron, "non ten sentido" que os traballadores de Hispamoldes queden sen representación sindical, xa que no grupo Indea --que, tras distintas operacións converteuse na matriz do grupo-- hai un comité de empresa, "pero os compañeiros de Hispamoldes, a unidade produtiva que está no parque Tecnolóxico de Galicia, queda sen a súa representación".
A situación, indican, que está denunciada no xulgado á espera dunha sentenza que, confían en que "leve á readmisión", pero polo momento este xoves ás 12.00 horas concéntranse diante de Indea Auriense, a anterior Hispaplasti, no polígono de Pereiro de Aguiar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.