Por Galicia Confidencial | Allariz | 26/09/2024 | Actualizada ás 20:00
Días atrás presentábanse no Museo do Coiro de Allariz as XI Xornadas dos oficios do Coiro, un evento consolidado na axenda de actividades que programa o concello ao longo do ano.
Á presentación asistiron Miriam e Ernesto, artesáns no Museo do Coiro de Allariz e organizadores das xornadas, ademais do concelleiro de Cultura, Alberto Conde e o técnico de museos Juan Antonio Seara.
Este evento dá a coñecer e pon en valor o mundo do coiro a través dunha variedade de obradoiros prácticos, exposicións e relatorios con expertos no ámbito da artesanía que coñecen e traballan este material. Os e as participantes poderán aprender sobre técnicas tradicionais e contemporáneas, coñecer novos materiais e ferramentas, así como descubrir as aplicacións artísticas e funcionais do coiro.
PROGRAMACIÓN
A programación comeza o xoves 26 no que haberá un obradoiro de 'Trenzado dun mango' a cargo de Isaac Romero, en horario de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h. Esta mesma actividade farase o venres 27 e require inscrición previa através do correo electrónico: jornadasdelcueroallariz@gmail.com.
Para o 27 está prevista a inauguración da exposición "Coiros Contemporáneos, ás 20:30 h. no espazo A Paneira. Poderase visitar ata o 27 de outubro.
Programación para a fin de semana no Museo do Coiro de Allariz:
SÁBADO 28
Obradoiro de Utilización de pequena maquinaria impartido por Lien Deraedt (Tandy Leather), de 10:00 a 14:00 h.
Ás 16:30 h. Relatorio sobre estoxos e mobles de gardar con revestimento de pel, a cargo de Félix Andrés de la Fuente, Subdirector do Museo das Artes Decorativas de Madrid.
Ás 18:00 h. Prácticas de escritura tradicional con José Antonio Puras.
Ás 19:30h. Tintados experimentais por Fernando Martínez Sousa.
DOMINGO 29
Obradoiro sobre a Aplicación tridimensional do po de coiro por Pepe Pereira, de 10:00 a 13:00 horas.
Ás 13:00 h. Relatorio sobre sandalias de Siria e India e sacos de pastor con Franklin Pereira.
Durante o sábado 28 e o domingo 29, os e as asistentes poderán gozar do Mercado de ferramentas e produtos, que estará dispoñible polas mañás de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h. polas tardes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.