O PP faise coa Alcaldía de Mondariz e di que "existe certa sintonía" co BNG e PSdeG

Chega ao poder logo de que a forza máis votada Alternativa por Mondariz (AxM) renunciara á alcaldía polo bloqueo na gobernabilidade deste concello por parte de PP, BNG e PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 26/09/2024 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Pablo Barcia (PP) foi elixido este xoves novo alcalde de Mondariz (Pontevedra), ao ser os 'populares' a segunda forza máis votada nas últimas eleccións de 2023 e despois de que o goberno local dimitise en bloque a semana pasada. A corporación local celebrou esta mañá o pleno de elección do novo rexedor, no que nin Alternativa por Mondariz (AxM), anterior partido de goberno con cinco concelleiros, nin o BNG, con dous concelleiros, presentaron candidato.

Pola súa banda, si o fixeron o PP e os socialistas, con Violeta Lois como única edil. Con todo, esta última só conseguiu os votos a favor dos nacionalistas e dela mesma, non alcanzando a maioría absoluta necesaria. Así, o PP fíxose coa Alcaldía ao tratarse da segunda forza máis votada. En declaracións a Europa Press, o novo rexedor celebrou este cambio de goberno, explicando que ao non haber pactos entre o resto de partidos foi o PP o que conseguiu chegar á Alcaldía.

O concello de Mondariz
O concello de Mondariz | Fonte: Wikipedia

A pesar de recoñecer estar en minoría, con só tres concelleiros dos 11 totais, Barcia afronta esta nova etapa como un "gran reto", que espera conseguir "sen complicacións" a través de "moito traballo". Preguntado sobre se chegou a algún pacto co resto de partidos para facer máis fácil a gobernabilidade do Concello, dixo que "polo ben do pobo" é necesario alcanzar acordos. Ademais, subliñou que existe certa "sintonía" tanto co PSOE como co BNG, xa que todos formaban parte da oposición ata a semana pasada.

FEITOS

Nas últimas semanas, o equipo de Xoán Carlos Montes ('Calis'), cun goberno en minoría, levaba días advertindo de que ese "bloqueo absoluto" de PP (3 concelleiros), BNG (2 concelleiros) e PSdeG (unha representante) puña en risco a estabilidade do municipio, e ante a falta de acordo para aprobar os orzamentos municipais, o rexedor apelou ao "sentido da responsabilidade" do resto de grupos.

Alternativa por Mondariz pediu a nacionalistas, 'populares' e á concelleira socialista abrir unha vía de negociación para aprobar as contas e dar luz verde a un plan de pago da débeda a 14 anos. Non poder contar con orzamentos, advertía, provocaría a intervención do Concello por parte do Estado e a obrigación de devolver a débeda en 5 anos, "o que suporá a asfixia total" de Mondariz.

Por iso, o goberno local ofreceu á oposición renunciar á segunda dedicación proposta nos orzamentos e repartir a do alcalde entre catro, con tres tenencias de alcaldía. Nunha carta enviada aos grupos. Ante a falta de contestación, o goberno de Mondariz decidiu renunciar, aínda que mantendo as actas de concelleiras. Este xoves, Mondariz escolleu ao PP como novo goberno local en minoría.

FELICITACIÓNS DE PAULA PRADO

Así as cousas, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, aproveitou unha comparecencia en rolda de prensa para felicitar a Pablo Barcia. "Pablo sabe moi ben o que hai que facer e como facelo para conseguir que o seu concello volva á senda do éxito", esgrimiu Prado, quen lembrou que o partido suma, con esta, 153 alcaldías en toda Galicia e continúa sendo o partido con máis representantes. Todos eles, concluíu, co "selo da estabilidade e o 'sentidiño' do PPdeG".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta