Rueda, sen pecharse ás peticións do Consello de Europa, sitúa o galego "fóra da discusión política"

Di que "se pode falar de todo", pero que sería "un erro" se a oposición usa o informe para volver "a posturas descartadas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sen pecharse a falar das suxestións do Consello de Europa para favorecer o uso do galego, advertiu que calquera cambio en materia do idioma no ensino deberá ir baseado no "consenso" e no "bilingüismo cordial", á vez que proclamou que o galego leva "moito tempo fóra da discusión política". Así o manifestou a preguntas dos medios sobre o estudo do Consello de Europa relativo á situación das linguas minoritarias en España, que inclúe unha serie de recomendacións para cada un destes idiomas. No caso concreto do galego, urxe "eliminar as limitacións" que ten o idioma para ensinar as materias de ciencias.

Trátase dunha das suxestións de "acción inmediata" deste comité de expertos do Consello de Europa no marco de salvagardar a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, que en España entrou en vigor no ano 2001. En Galicia, unha das principais reclamacións que apunta este organismo é o impulso do galego no ensino e a eliminación de barreiras como as do decreto do plurilingüismo aprobado no ano 2010 pola Xunta, cando a presidía o agora líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Na súa resposta, Rueda realizou unha lectura positiva do informe e incidiu en que este recoñece que España é "con diferenza" o país onde as linguas cooficiais ten "máis protección" e, dentro delas, fixo fincapé en que destaca que o galego é a que conta con "maior uso" e coñecemento nos indicadores de lectoescritura. Ao seu xuízo, se se rexistran estes índices é porque a lingua "hai moito tempo que está fóra da discusión política". Por iso, aínda que "se pode falar de todo" e advertiu que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que dirixe José López Campos, vai "por ese camiño", precisou que calquera cambio sobre o idioma no ensino deberá ter como base "o consenso" e o "bilingüismo cordial".

"SERÍA UN ERRO"

"Se isto vai servir para que algún grupo da oposición empece a apuntar a camiños esgotados ou posturas descartadas, sería un erro", advertiu. Preguntado sobre as críticas a que é o PP o partido que rompeu este consenso, replicou que a postura da súa formación é "coñecida" e "avaliada" cada vez que hai eleccións (nas últimas autonómicas el mesmo revalidou a maioría absoluta). "Se a postura é que se non estás de acordo comigo rompes o consenso, xa é outra cousa", resolveu.

Rueda preside o Consello da Xunta
Rueda preside o Consello da Xunta | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta