Abre o proceso para que o persoal médico poida acceder ao novo título de especialista en urxencias

A certificación de exercicio profesional pode ser solicitada desde este martes 1 de outubro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2024 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se determinan as unidades competentes e as actuacións que se deben seguir para a emisión das certificacións de exercicio profesional para o acceso extraordinario ao título de especialista en medicina de urxencias e emerxencias.

Nunha nota de prensa, o departamento autonómico explica que tras a publicación por parte do Ministerio da creación desta nova especialidade médica, a Xunta designa á directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, ao director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á secretaria xeral técnica como competentes para a emisión dos certificados de experiencia profesional.

Así, as persoas interesadas que prestasen servizo nas urxencias dos centros hospitalarios públicos do Sergas ou do 061 poderán solicitar un certificado de exercicio profesional no seu expediente persoal da plataforma Fides, no epígrafe de solicitudes e na pestana "certificado medicina de urxencias e emerxencias". Despois da súa revisión, en caso de estar de acordo cos datos, poderá confirmar a súa solicitude e esta será asinada polo órgano competente.

Sobre o exercicio profesional nos servizos de urxencias de centros hospitalarios privados, a persoa profesional deberá solicitar o certificado de servizos prestados en cada centro. Unha vez obtida a certificación emitida pola persoa xerente ou representante legal da unidade asistencial que corresponda, a solicitude de emisión de certificado presentarase na sede electrónica da Xunta, co formulario correspondente ao procedemento xenérico e dirixida á Consellería de Sanidade-Secretaría Xeral Técnica.

A certificación de exercicio profesional, que pode ser solicitada desde este martes 1 de outubro, poderá entón ser enviada na web habilitada polo Ministerio de Sanidade. Ademais, a Consellería explicou que o Ministerio estableceu un prazo de presentación de solicitudes gradual, segundo o mes de nacemento da persoa solicitante e sen ter en conta o ano. Así, comezarán os nados en xaneiro, que poderán emitir a documentación do 3 ao 18 de outubro e finalizarán o proceso os nados en decembro, que poderán facelo do 28 de marzo ao 12 de abril de 2025.

Urxencias
Urxencias | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta