Por Amanda Fernández | Lugo | 07/10/2024 | Actualizada ás 14:00
Chega o outono, as árbores cambian de cor, volve a choiva, pero aínda sen moito frío e... Moita xente asocia a chegada desta estación con saír ao monte cun cesto para recoller cogomelos. "Nesta época fálase de tempada de cogomelos, sen darnos conta de que de xaneiro a decembro xa os hai, non desaparecen", afirma José Castro, directivo da Sociedade Micolóxica Lucus. Rompe así con ese estereotipo xeralizado de asociar a recollida ou consumo de cogomelos a un tempo concreto.
Nesta liña recoñece que o outono, pola súa temperatura constante non demasiado adversa e humidade, hai máis especies de fungos que producen cogomelos. "Non quere isto dicir que o resto do ano non os haxa comestibles ou para comercializar", sinala. Outro estereotipo imperante está relacionado con dar por feito que existen unhas regras universais para determinar se un cogomelo pode comerse ou non. Así explica: "Son todas falsas, hai que ter formación en micoloxía e coñecer as características de cada especie". Pretender seguir unhas pautas pode ter consecuencias fatais "como unha intoxicación grave ou mesmo a morte" porque "a xente ten unha obsesión por comer e busca atallos falsos".
Que consello lle daría a esas persoas? "O máis importante é que se afilien nunha asociación micolóxica das que hai por toda Galicia. Todo o ano se fan actividades formativas, conferencias, obradoiros, cursos, saídas ao campo ou exposición. O segundo é que teñan unha formación estruturada, que non se obsesionen con comer os cogomelos, isto é fundamental". Considera que a micoloxía é unha rama da bioloxía moito máis ampla e que coñecer unha especialidade vai máis aló "de comer ou non, de sen son tóxicas ou non".
A IMPORTANCIA DOS FUNGOS E A NORMATIVA
O directivo reitera, que existe "unha obsesión desmedida" por consumilos e incide en destacar a importancia dos fungos nos ecosistemas. É algo que, polo xeral, se descoñece e "o 95% das especies vexetais forman algún tipo de simbiose con fungos e precisan deles". Por exemplo, menciona, que isto pasa tamén con productos da horta, como o millo, tomates ou xudías que os precisarían para desenvolverse.
Ademáis os fungos sapotróficos realizan un labor de reciclaxe no bosque: "Moitas veces non somos consciente, pero cando cae unha piña ao campo ou mesmo o cadáver dun animal que morre, ten un fungo que se encarga de descompoñelo e de facer esa reciclaxe. Os fungos aliméntanse da materia orgánica morta, degradan a celulosa, descompoñendo a materia orgánica que pasa a formar parte do compost do chan e serve de abono para os vexetais". O papel na biodiversidade implica que a micoloxía "vai máis aló de comer ou non". Tamén os fungos son actualmente punteiros en biotecnoloxía, aplicación en medicamentos e se estuda o seu potencia.
Neste punto reivindica a importancia de divulgar e educar medioambientalmente, non só á "xente nova, senón tamén administracións públicas e medios de comunicación". As tempadas de cogomelos non existen como tal e, fai fincapé, en que non é un producto do campo, como se foran patacas ou mazós. "Vai máis aló, están na vangarda da ciencia, na medicina, na construción, nos solos... Non é só gastronomía".
Entre o descoñecemento imperante tamén está a cuestión da normativa, neste caso de ámbito autonómico, o decreto 73/2020 que regula os aproveitamentos micolóxicos: "Incidimos en todos os cursos e activididades que realizamos na importancia de coñecela e informarse de como extraer e en que cantidades". A lei permite recoller cogomelos en calquera terreo, mesmo aínda que sexa privado, cando é para consumo propio sen exceder os dous quilos/ persoa e día. Pode entrar nunha finca aínda que sexa privada, mentres non estea valada nin acoutada, ata máximo dous quilos por persoa e día para consumo propio; para outros aproveitamentos, como científico-didáctico, ata cinco exemplares por especie/persoa e dia; ou uso comercial, sen limite de quilos, pero si co permiso e autorización do propietario do terreo.
SOCIEDADE MICOLÓXICA LUCUS
A Sociedade Micolóxica Lucus naceu na cidade de Lugo no 2001. Jose Castro é un dos socios fundadores, xunto a Julián Alonso, o presidente. "Víñanse facendo cursos de micoloxía no Concello e valoramos a posibilidade de facer unha asociación entre os afeccionados e interesados", comenta. Así se fundou e continúa na actualidade desenvolvendo diferentes actividades neste eido. A micoloxía interesa a un perfil de público moi diverso, desde xente nova, xubilados, homes, mulleres... Porén, as estatísticas da web e das redes sociais da asociación confirman un perfil maioritario de home de entre 45 e 55 anos.
"Cando comezamos o obxectivo principal da asociación era canalizar a inquedanza dos afeccionados que non tiñan unha entidade para formarse, informarse e coñecer aspectos da micoloxía", conta e engade que notaron que dende entón aumentaron moito as canles de información, pero que o seu papel é cada vez "máis importante". As asociacións xogan un rol de formación e información "rigorosa, seria e estruturada" fronte ao que un se pode atopar en internet ou nas redes sociais. A Sociedade Micolóxica Lucus conta con 270 sociais na actualidade e seguen apreciando que o interese non cesa. Mesmamente, neste mes, concretamente entre o 14 e o 19 de outubro organizan unha nova edición dun curso de micoloxía. "Levamos xa 30 anos facéndoo, na Deputación de Lugo e, durante seis días consecutivos, cubrimos as máis de 100 prazas que hai todos os anos", expón como proba da curiosidade que esperta esta rama.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.