Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/10/2024 | Actualizada ás 12:22
Un novo informe da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) concreta que Galicia recibe 102,3 euros por habitante axustado do sistema de financiamento, o que a sitúa por encima da media estatal (100 euros) e no punto medio da táboa comparativa dos recursos que reciben as distintas comunidades.
Dito estudo, ademais, ratifica o infrafinanciamento que veñen sufrindo nos últimos anos Murcia, Comunidade Valenciana, Andalucía e Castela-A Mancha, mentres que sitúa a Cataluña e Madrid na media estatal de financiamento por habitante axustado e a Rioxa, Cantabria e Baleares como as tres comunidades con máis recursos por este criterio.
Así se recolle na actualización das series de financiamento homoxéneo das comunidades autónomas que presentou este xoves Fedea en pleno debate pola reforma do financiamento autonómico tras o concerto económico en Cataluña acordado polo PSC e ERC para a investidura de Salvador Illa. Neste contexto, Fedea detalla o financiamento aumentado por habitante axustado, que é o financiamento efectivo máis as transferencias extraordinarias do Estado, onde se albisca que Murcia (91,4 euros) e Comunidade Valenciana (92,4 euros) son as dúas rexións máis infrafinanciadas.
Por baixo da media tamén están Andalucía (95 euros) e Castela-A Mancha (95,3 euros). Estas catro rexións son as que están a reclamar un fondo de nivelación para igualalas ao resto mentres se efectúa a reforma do sistema de financiamento autonómico.
MADRID E CATALUÑA, NA MEDIA
Pola súa banda, Madrid (100 euros) e Cataluña (100,8 euros) atópanse na media nacional, que se sitúa nos 100 euros segundo este financiamento aumentado por habitante axustado, mentres que no lado contrario están A Rioxa (116,1 euros), Cantabria (115,9 euros) e Baleares (114 euros).
E entre os que máis recursos reciben e os que menos se atopan Galicia (102,3 euros); Asturias (103,4 euros); Aragón (104,5 euros); Canarias (109,1 euros); Estremadura (112,3 euros) e Castela e León (105,8 euros).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.