Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2024 | Actualizada ás 14:52
O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada, defendeu, en resposta ás denuncias do BNG sobre a lista de espera no ámbito sanitario, o investimento e os criterios que se aplican, "priorizando patoloxías e tendo en conta a prioridade clínica". Foi en Comisión, no Parlamento galego, despois de que por parte do BNG expuxése varias preguntas a este respecto. En concreto, a deputada Iria Carreira cualificou de "altamente preocupante" a situación.
O xerente do Sergas replicou que as actuacións da Xunta nesta materia pasan por "máis investimento e máis tecnoloxía". "No Sergas realízanse as intervencións atendendo a criterios clínicos, realizando unha xestión da lista de espera por prioridades", insistiu. Isto nunha intervención na que apuntou a unha redución da derivación de casos a centros concertados, ao facer unha comparativa coa etapa de goberno do bipartito, e na que asegurou que baixou a lista de espera non estrutural, na que, segundo explicou, inclúense casos non atribuíbles aos recursos como causas médicas ou razóns persoais e voluntarias.
"Non se sabe o que pasaba a xuño deste ano", reprochou a parlamentaria do BNG ao cuestionar os datos que se publican nas listas e denunciar atraso na súa publicación. Sobre os existentes, dixo que os datos que ofrecen "son altamente preocupantes" e engadiu que detrás de todas estas cifras "hai pacientes que están a sufrir". "Están a degradar a sanidade pública", denunciou.
SAÚDE MENTAL E PEDIATRÍA
Na mesma Comisión, o xerente do Sergas defendeu a dotación de persoal para a atención da saúde mental, a unha pregunta específica do BNG sobre a situación no centro de saúde de Ponteareas. "É o estándar nas unidades de saúde mental, as cousas funcionan ben", dixo ao apuntar que está garantida a "calidade asistencial". Respecto diso, citou servizos como a teleconsulta ou un teléfono de urxencias en psiquiatra fronte ás críticas sobre falta de medios.
A situación da atención pediátrica motivou outra pregunta por parte dos socialistas en relación ao centro de saúde de Fornelos de Montes, con reproches da deputada do PSdeG Paloma Castro quen asegurou que os pediatras optan por outras comunidades por ter "mellores condicións laborais". "Saben da carencia de pediatras, non é só unha problemática galega", replicou o xerente do Sergas, que admitiu que hai constancia do "malestar" polo desprazamento da pediatra a Redondeda."Foi unha adecuación do posto de traballo, non un cesamento", dixo na súa resposta na que asegurou que están a traballar para "abordar" este caso concreto. Na mesma sesión, a secretaria xeral técnica do Sergas, Natalia Mosquera, reivindicou, a preguntas do PP a este respecto, as actuacións da Xunta para incorporar a Intelixencia Artificial ao ámbito sanitario.
A XUNTA DEFENDE A MEDICINA E A FARMACIA RURAL
Por outra banda, este mesmo xoves, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reivindicou a medicina e a farmacia rural pola súa "proximidade" e potencialidade de ofrecer unha atención "personalizada". Fíxoo nunha visita ao Museo do Médico Rural de Maceda e, posteriormente, desprazouse a Xunqueira de Ambía para coñecer unha farmacia adherida ao prgorama de dosificación de tratamentos.
Así, segundo recolle un comunicado da Xunta, o conselleiro incidiu en que este tipo de establecementos farmacéuticos ofrcen "un exemplo da implicación do sector do coidado da poboación do rural galego". Neste sentido, remarcou que a súa capacidade de "cobertura, accesibilidade e dispoñibilidade" convérteas en "axentes esenciais na promoción da saúde e na educación sanitaria da poboación".
Gómez Caamaño apuntou que a Xunta ten en marcha un programa de mellora da adherencia terapéutica que pon a disposición dos pacientes sistemas de dosificación dos medicamentos, o que permite facer un "seguimento personalizado". Nestes momentos hai 500 farmacias adheridas a este programa, das cales, 60 atópanse na provincia de Ourense. Con todo, o número de pacientes que se beneficia deste sistema é de 114, segundo as cifras facilitadas por Sanidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.