Europa debaterá sobre Altri en novembro

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, informou de que a Comisión de Peticións da Eurocámara debaterá en novembro sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei, á vez que recrimina que "é lamentable a actitude do PP na cancelación" da comparecencia prevista para este xoves dos colectivos contrarios á fábrica.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 03/10/2024 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, informou de que a Comisión de Peticións da Eurocámara debaterá en novembro sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei, á vez que recrimina que "é lamentable a actitude do PP na cancelación" da comparecencia prevista para este xoves dos colectivos contrarios á fábrica.

A Comisión de Peticións da Eurocámara rexeitou aplicar o procedemento de urxencia para debater este xoves as denuncias das plataformas e colectivos que se opoñen á instalación da planta de celulosa da multinacional portuguesa Altri no municipio lucense de Palas de Rei debido ao seu impacto ambiental. O pasado luns, a plataforma veciñal Ulloa Viva xa mostrou o seu "descontento" porque "unha vez máis o PP votou en contra dos veciños" e considera este rexeitamento como "un novo ataque" cara a eles.

En cambio, eurodeputados do PPdeG defenderon o seu rexeitamento a darlle tratamento de urxencia á solicitude de debate sobre o proxecto ao considerar que sería "contraditorio" que o Parlamento tratase este tema con urxencia cando a Comisión Europea "declarou hai uns días que non observaba ningún incumprimento".

Este mesmo xoves, Ana Miranda tachou de "moi preocupante" a actitude dos populares, quen "se uniron á extrema dereita para romper o acordo alcanzado o pasado 4 de setembro por catro grupos parlamentarios para que a plataforma Ulloa Viva comparecese hoxe na Comisión de Peticións por vía de urxencia". Un feito sobre o que mostra o seu "profundo malestar". De tal forma, Miranda pide "respecto para a sociedade civil galega". "Tanto desde o BNG como desde o grupo Verdes-Alianza Libre Europea non nos imos a render en algo que é un clamor da cidadanía galega", afirma.

Ana Miranda
Ana Miranda | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta