Eduardo Fonseca, dermatólogo: "O tratamento da alopecia común podería ser de preto dun euro ao día, para sempre"

Non cae máis o cabelo en outono: "O ciclo do pelo é asincrónico, non cae de forma simultánea nunha época".

Por Amanda Fernández | Lugo | 13/10/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Pasa o verán, chega o outono e con esta nova estación semella que o pelo comeza a caer máis do habitual. Peitealo pode resultar un auténtico calvario, tanto en homes como en mulleres, nunha sociedade preocupada cada vez máis pola apariencia física. A estética é algo a orde do día e máis cando se trata da perda do cabelo. Pero, cae máis o pelo nesta época do ano? Inflúen as estacións? "Non, o home ten un ciclo dos pelos asincrónico, é dicir, van caendo de maneira continua e non mediatizada polas estacións. Isto si que ocorre cos animais que mudan de pelo para adaptarse ao frío ou á calor", afirma Eduardo Fonseca, dermatólogo e xefe servizo de dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Caída do pelo
Caída do pelo

Así, o ciclo do pelo é asincrónico, non se sincronizan os folículos, en condicións normais. Se ben é certo que destaca que pode caer máis en épocas de estrés ou por mor doutros cambios. "O pelo cae dunha maneira progresiva e non simultánea nunha época do ano. É unha concepción, desde que o pelo para de medrar ata que cae pasan meses, non é unha cousa inmediata", fai fincapé. 

Cando hai que alertarse? Indica que cando hai unha perda obxectiva de densidade, xa que é normal que o pelo vaia caendo, xa que sempre volve saír outro. A patoloxía máis común que se traduce na caída do pelo é a "alopecia androxénica". Vén sendo a calvicie común en varóns, pero tamén se dá en mulleres, de forma frecuente. Débese a unha cuestión xenética e, tanto homes como mulleres, experimentan despois da pubertade unha remodelación na liña de impantación do pelo. "Cambia a cantidade, non é o mesmo un neno, un mozo ca un adulto, son cambios normais", comenta. 

TIPOS DE ALOPECIA 

Cando a caída é acusada e está fóra da normalidade, aparece o que denomina como "alopecia androxénica", condicionada xenéticamente e que se manifesta tanto en homes coma en mulleres. A caída deste tipo preséntase "máis insensible, progresiva e lenta". O diagnóstico tense cunha inspección simple por parte dun facultativo coa formación adecuada, xa que é un proceso frecuente. Son distintos os patróns de manifestacións entre homes e mulleres, pero iso non quere dicir que a algúns homes lles caia o pelo con patrón de muller e viceversa. "No home as entradas progresan e a decalvación é progresiva na zona da coronilla; mentres, nas mulleres a perda é difusa, desde a fronte á coronilla, perdendo pelo de forma intercalada, non en zonas puntuais", expón. 

Outro tipo de alopecia, neste caso, máis frecuente nas mulleres, é a alopecia frontal fibrosante: "Últimamente pénsase que está aumentando, xa que se recibe moita atención". Consiste na perda de pelo que produce que a liña de implatación vaia cara atrás na fronte e tamén a perda de pelo na zona das patillas. "É unha alopecia que produce cicatriz, fai desaparecer o folículo e descoñécese a causa", manifesta Fonseca. Menciona tamén a alopecia areata, que tal e como indica o nome, vai facendo como áreas; ou a alopecia por efluvio telóxeno, que produce unha caída masiva ou brusca nun período curto de tempo e que se recupera: "Pode ocorrer despois dos partos".

O TRATAMENTO NON CUBERTO POLO SISTEMA NACIONAL DE SAÚDE

Cando aínda hai pelo que salvar, existen diferentes tratamentos eficaces dende hai anos. Porén, cando o folículo desaparece por completo, non hai tratamento posible, "máis que cambiar o pelo de sitio cun inxerto de cabelo". Entre os tratamentos, hai que ter en conta que o tipo de alopecia máis común, a androxénica, "non está cuberta polo Sistema Nacional de Saúde". Así, os pasos a seguir serían, en primeira instancia, acudir ao médico de cabeceira para descartar que a alopecia se deba a outros problemas. Se todo está en orde, o dermatólogo pode establecer un diagnóstico, pero non prescribir un tratamento. 

"Ningún dos tratamentos de alopecia androxénica é reembolsado polo Sistema Nacional de Saúde porque sería inasumible, tendo en conta que a inmensa maior parte dos varóns, teñen un certo grao. De igual forma, moitas mulleres, e considérase un problema puramente estético", afirma o dermatólogo. Canto estima que podería custar asumir ese tratamento de alopecia endroxénica? "Son tratamentos indefinidos, non é algo puntual, o coste podería ser de en torno a un euro ao día, máis ou menos, e sería en pastillas ou locións". 

Fai fincapé en que está expoñendo o caso da alopecia androxénica, pero que a alopecia frontal fibrosante si que "entraría no sistema público de saúde". Débese a que é un proceso que xera cicatrices e ten unha consideración distinta á tipoloxía anterior. 

MAIOR PREOCUPACIÓN POLA ESTÉTICA

O pelo, explica, é unha estrutura morta e os seus coidados tradúcense en algo así como "preocuparse de que a lana dun xersei se atope en boas condicións". Cada persoa ten un tipo ou outro de cabelo segundo as circunstancias ás que está sometido: calor, productos químicos, tratamentos... "Dánase o pelo como tal, pero o que medra debe estar en condicións normais, se non hai ningún problema", destaca. Así, son cuestións e recursos puramente estéticos para que teña mellor aspecto. 

E se algo percibe este dermatólogo é que cada vez existe unha maior preocupación polos temas ligados ao aspecto estético. Recoñece que xa antes había tratamentos fronte a alopecia e que a maior parte dos varóns non os solicitaba. "Considerábanno algo normal, xa Julio César se peiteaba para diante para que non se notase a calvicie ou usaba a coroa de laurel", manifesta. Os tempos mudaron e hoxe en día o pelo e o seu aspecto é parte fundamental da estética de moitas persoas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta