Publicadas as puntuacións provisionais da fase de oposición para o ingreso na categoría de médico de familia

Mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 271 prazas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2024 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.

Tal e como explicou a Xunta, ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 271 prazas para a categoría de médico de familia, das cales 126 corresponden á quenda de acceso libre, 132 a promoción interna e 13 á quenda de discapacidade xeral.

Estas 271 prazas engádense ás 42 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, mediante o sistema de concurso, para esta mesma categoría, proceso que xa foi resolto en xaneiro deste ano.

En total, presentáronse aos exercicios da fase de oposición 493 aspirantes, dos cales aprobaron 484 persoas, o que supón unha porcentaxe de aprobados do 98%.

O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación, así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Sergas.

A resolución abre un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación (do 8 a 14 de outubro ), para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existir erros na confección aritmética da puntuación obtida.

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas.

Ademais, habilitouse unha dirección de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta