Alexandra Fernández: “En Marea é un espazo en construción que ten as portas abertas”

A actual voceira de En Marea no Congreso destaca nesta entrevista os atrancos que existen para que os seis deputados galegos teñan grupo parlamentario propio en Madrid. Critica que o PSOE se vaia decantando xa por "unha gran coalición co PP e Ciudadanos e con apoios mediáticos".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 13/01/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Tamén fala das vindeiras eleccións autonómicas e, insiste, que as portas de En Marea seguen abertas a outras candidaturas populares e nacionalistas, como Cerna, CxG ou o propio BNG “porque o gran rival é o PP” e pódese “camiñar xuntos”.

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández

Como están as negociacións para que En Marea teña grupo propio no Congreso?
Nós temos falado co PSOE explicándolle que En Marea non é unha suma de partidos senón moito máis. Son 405.000 galegos que queren voz propia no Congreso e para nós, iso, é a cuestión principal. Podemos negociar financiamento dos grupos e os tempos de intervención, pero a cuestión principal para nós é que houbo unha vontade da cidadanía de que houbera un Congreso máis plural e que se entenda a plurinacionalidade no Estado, e que isto ten que estar presente no Congreso.

Por iso, dixémoslle que sería un fraude que un 25% dos galegos non tivera representación no Congreso e criticamos que nos traten de vender a gobernabilidade entre elites, que é polo que avoga o PSOE agora, porque hai outras posibilidades como é a de escoitar á cidadanía. Por iso insistimos que ten que decidir que quere escoller; ou apoiarse na muleta de C's, que parece que vai a esa opción, ou se quere ser valente e volver a ese PSOE socialdemócrata.

Pero os interlocutores do PSOE que vos din?
Pois se negan a entender, de momento, o tema dos catro grupos e para nós é crucial isto. Non entendemos que haxa un goberno co PSOE se non entenden que o que demandou a cidadanía é cambio, un cambio plural.

Entendo que esa demanda é común a  todos os integrantes de en Marea; Anova, EU, as mareas e Podemos, non?
Si, claro. Todos estamos completamente de acordo porque todos compartimos esta posición desde o primeiro momento.

Alexandra Fernández, de En Marea, nunha rolda de prensa con Pablo Iglesias e os portavoces de En Comú Podem e És El Moment
Alexandra Fernández, de En Marea, nunha rolda de prensa con Pablo Iglesias e os portavoces de En Comú Podem e És El Moment | Fonte: En Marea

E como interpretas logo as voces que xurdiron estes días en Galicicia coas declaracións do líder de Podemos no país que critica o escoramento ao nacionalismo e apunta a posibilidade de ir en solitario ás autonómicas?
Eu son deputada de En Marea e creo que este tipo de espazos son os máis adecuados para disputarlle o poder ao PP. Sobre o que di Breogán Riobóo... Son discusións que se dan no seo da súa organización. Non nos metemos niso.

Pero non cres que isto abre frontes innecesarias na coalición?

Hoxe demostramos que todos estamos na mesma liña. Que apostamos todos polo mesmo, polas confluencias, porque é a mellor escolla para derrotar ao PP.

Co PSOE semella que tedes dificultade de entendemento, e que tal co resto de grupos de esquerda e cos nacionalistas?
Por agora é unha cuestión aritmética que calquera pacto pasa polo PSOE. Por iso é importante que nos entendamos. Non pode vir con escusas ridículas para, logo, buscar un pacto co PP.

Pero xa hai un pacto co PP?
Todo semella que si.

Entón vai haber gran coalición?
Si, parece que pretende que todo siga igual, nunha gran coalición co PP e Ciudadanos e con apoios mediáticos. Pero nós insistimos que hai posibilidades dun goberno progresista que entenda a plurinacionalidade do Estado.

Con todo, semella que no PSOE hai dous bandos; o de Pedro Sánchez e o de Susana Díaz.  Non cres que aínda hai posibilidades de acordo?
Si. Hai dúas almas diferentes e por iso queremos que o PSOE non pacte co PP e non renuncie aos seus sinais de identidade e axude a construír un novo espazo no que recupere os seus principios socialdemócratas, federalistas e de apoio á plurinacionalidade do Estado. E veremos cara onde camiña; ou cara continuar afondando nas políticas elitistas e privatizadoras do PP ou apostando por alternativa de esquerdas.

E non cres que o que pase en Madrid vai ter resposta en Galicia cun adianto electoral?
Iso está todo no aire pero está claro que nas autonómicas teremos que camiñar nestes espazos porque a suma multiplica e temos que seguir traballando nesta liña, traballando por novos espazos cooperativo e de acumalación de forzas.

Nesa acumulación de forzas da que falas caben novas forzas como mareas, CxG, Cerna o mesmo o  BNG?
En Marea é un espazo en construción con portas abertas e levan abertas desde as municipais porque o gran rival é o PP e podemos camiñar xuntos. Iso espero...

Precisamente ti es de Anova, a parte nacionalista de En Marea. Non cres que isto pode axudar a que haxa entendementos?
Non é cuestión de nacionalismos, senón de que sexamos capaces de aglutinarnos baixo un proxecto común que entenda a capacidade de decidir dos galegas e das galegas.

E supoño que teña como eixo un novo modelo social e defensa da educación ou sanidade pública?
Sí, si claro. Un goberno que pare estas políticas privatizadoras do PP e que blinde o estado de benestar e entenda que Galicia ten especificidades que compre por enriba da mesa, por exemplo,  outro modelo de país e non o do endebedamento do PP. Tamén un novo goberno que aposte pola industrialización e  polos sectores primarios do país.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 37 comentarios

7 Ana

Parece que o final teremos tripartito PPSOEC´S. Gaña a Troika, o ibex, a monarquia,etc. Se eu fose votante do PSOE estaria moi enfadada ao ver que antes van con Ciudadanos que con Podemos. ¿Sera que non estan dacordo con rematar coas portas xiratorias?. Por outra banda Alexandra seria unha gran candidata por En Marea para as eleccions galegas.

1 nostrus

Normal que o PSOE vaia antes con C´s porque é mais sensato que Podemos, non ten confusions, non se vende para quedar ben cos naciotas, ten un proxecto comun onde cabemos todos, apoia a realidade, a diversidade, interesalle primeiro a situacion das personas porriba das bandeiras, linguas, relixions.......¿da tanto Podemos? pois non, Podemos tenlla cruzada o emprendedor, o que loita para crear unha empresa, fai demagoxia repartido miseria para que a xente non traballe e condenaos a ser sempre pobres.

6 arzucapital

con todo o meu respecto, sodes uns/unhas falabaratos, trapalleiros e mediocres, o tempo dá e quita razóns,e no voso caso, pouco se tarda en velo. Respecto ó do grupo parlamentario, ou era mentira a sabendas vosa ou non vos enterades de nada, ou as dúas. Sodes uns radicaloides de fachada, pero uns inxenuos que servides vasallaxe, hoxe a uns mañá a outros. Decepción, e mira que mo advertiran..

5 Alberte

Hai que reconhecer que Alexandra Fernández viste con normalidade. Parece unha persoa normal. Lembro un advogado da CIG que empezou a levar traxe e era o traxe máis cutre da tenda. Non por barato. Por feo. É que ún naceu hai 60 anos e sempre vestín normal. Nunca levei fular palestiniano nin roupa de 40 anos atrás. Non sei que pensan. E ténhovos que dicer unha cousa: Merquei dous traxes moito máis baratos que si fora de "sport". Ir de "sport" é moito máis caro que un traxe de coste normal. Pero iso facía que eu fora "sospeitoso". Votei e votarei BNG por aquilo de que "Roma non paga a traidores". Pero hai moitas cousas que mudar. Moitas moitas. Pero tamén é certo que sendo de Vilalba, Lugo, Chantada, Monforte, etc. tes moitas limitacións sociais. A ver si non te van admitir os de "esquerdas nacionalistas" que logo son os primeiros en coaligarse co PSOE e ganar cartos mentras tí tes que andar a vender biblias por aí para ter uns poucos cartos para subsister.

1 Trocomotxo

Iso temos que cambialo xente coma ti e coma min. E hai moita máis. A estética si é importante. Por desgraza a veces máis importante que a ética.

4 Comunista

CxG até podería ser, sempre que traballen con lealdade e non se volvan repetir esperpentos como o da carretaxe caciquil nas primarias de Ourense en Común. Cerna e BnG nunca. Sería coma meter o raposo no galiñeiro, polo seu comportamento son coñecidos: traidores e vendepatrias coa única finalidade de vivir da política e de facer o traballo suxo para PP-PsoE-C´s contra a Marea. O mesmo dá Chelo Martínez que Lobeira, Palleiro que Vence.

1 outrosí

ao mellor esqueces (dubido que non o saibas) a carretaxe caciquil que se levou a cabo desde a FPG (fillos da UPG) e o Grupo de Teo para pór a Martiño de Alcaldable en Compostela Aberta a toda présa. Saúdos Comunisto

3 Trocomotxo

Creo que é un espazo en disgregación...