O BNG critica a "inacción" policial contra os "filo nazis" do Málaga na Coruña e a "represión" contra os pro palestinos

Anuncia que pedirá contas ao Ministeriro do Interior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2024 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

O BNG contrapuxo a "represión" policial na manifestación prol Palestina vivida na mañá do domingo en Santiago, onde foron detidas nove persoas por altercados rexistrados ao final da marcha, coa "inacción" da Policía Nacional cos ultras do Málaga Club de Fútbol que se desprazaron á Coruña este fin de semana para asistir a un partido de fútbol e que protagonizaron desfeitas nun bar da cidade herculina.

Este luns, o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, demandou expliacións ao Ministerio do Interior polo que entende como actuacións policiais "inxustificables" ao realizar "cargas contra persoas que protestaban pacíficamente" mentres se produciron "fallos de coordinación e moita permisividade" cos ultras malagueños.

"Mentres cargaban en Compostela contra xente pacífica, non actuaron na Coruña contra os ultras violentos do Málaga", aseverou Rego, segundo recolle un comunicado, no avanza a presentación de iniciativas para reclamar a Interior que explique o ocorrido ao longo dos últimos días nas cidades de Santiago e A Coruña.

O deputado nacionalista considera que Interior "debe cambiar a forma de proceder" en manifestacións e concentracións "pacíficas" para "deixar a violencia das cargas policiais e respectar o dereito de manifestación e de liberdade de expresión". Así pois, ve "absolutamente inxustificables" as cargas contra persoas "que protestaban pacíficamente polo xenocidio en Palestina", o que comparou coa falta de actuación ante un grupo "filo-nazi" que "campou ás súas anchas" durante dous días pola cidade da Coruña.

O deputado de BNG Néstor Rego, ofrece unha rolda de prensa
O deputado de BNG Néstor Rego, ofrece unha rolda de prensa | Fonte: Alberto Orteg

SEN DETENCIÓNS NA CORUÑA

Rego ve "curioso" que "ningunha destas persoas violentas" fosen detidas e que, mesmo, chegasen a ser "escoltados" ata os hoteis nos que se aloxaban durante a noite do sábado despois de protagonizar desfeitas nun bar nas inmediacións de Riazor e "atemorizar" á xente pola rúa. "Houbo fallos, falta de previsión, descoordinación e moita permisividade por parte do dispositivo de seguridade da Delegación do Goberno en relación co violento grupo de ultras do Málaga FC", aseverou Rego, que pide a Interior que explique por que permitiron moverse "con total impunidade" pola cidade da Coruña.

O CONCELLO DE SANTIAGO LAMENTA A INTERVENCIÓN "ALGO EXCESIVA"

Pola súa banda, a portavoz do goberno de Santiago, Míriam Louzao, lamentou que unha protesta "moi importante" en favor "da paz" e con miles de participantes fose "noticia" por uns incidentes que se saldaron con nove detidos, xa en liberdade. Respecto diso, apuntou que, "polo que transcendeu e as imaxes", a intervención policial parece "algo excesiva".

"Desde o goberno (que dirixe a nacionalista Goretti Sanmartín) interesámonos desde o primeiro momento para coñecer a situación das persoas detidas e entendemos que foi un altercado que non se debeu de producir nunca nunha marcha en solidariedade con Palestina", aseverou Louzao, na rolda de prensa na que informou dos asuntos acordados na xunta de goberno local.

De feito, foi o segundo dos asuntos aos que fixo mención na súa intervención, despois de arrincar a rolda de prensa lamentando o crime machista de Moaña, que se suma "a unha moi preocupante onda" que vive o país. Así, a portavoz do goberno local incidiu en que, desde Raxoi, ademais de pór a disposición das mulleres os recursos dos que dispoñen, trasládase tamén, unha vez, a súa condena e "máis enérxica repulsa".

"QUE SE RETRACTE"

As manifestacións de Louzao sobre os incidentes da manifestación en solidariedade con Palestina non pasaron desapercibidas para o PP, cuxo líder local, Borja Verea, cualificou de "imprudentes" as palabras da portavoz do goberno local. Así, interpretou que "se pon ao lado dos asaltantes duns negocios" no transcurso da manifestación e esixiu aos nacionalistas "que se retracten ou desautoricen á concelleira que fixo as declaracións asegurando que a intervención policial fora excesiva".

"Estamos ante unhas declaracións gravísimas, aínda que doutra banda esperadas porque temos un goberno do BNG e unha alcaldesa que se pon directamente ao lado, por exemplo, de Nicolás Maduro, e o seu partido ao lado de Putin", alertou. "Isto é gravísimo, representantes públicos póndose ao lado de presuntos delincuentes que asaltaron negocios", agregou, antes de incidir que, nesta ocasión, non se fala de "manifestantes", senón de "presuntos delincuentes que asaltaron uns establecementos". Verea remarcou que o PP "respecta" o dereito a manifestación, pero tamén espera que o goberno da cidade "se poña ao lado dos propietarios e dos negocios e non ao lado de, presuntamente, alborotadores agresivos que asaltaron negocios".

REACCIÓN DO SUP

Pola súa banda, o portavoz do Sindicato Unificado de Policía (SUP), Roberto González, difundiu un audio no que alude aos altercados e, ante as palabras de Louzao, remarca que é necesario condenar "a violencia" que, baixo o seu punto de vista, empregou un grupo de persoas "para actuar de terroristas urbanos camuflados dentro dunha lexítima protesta". O sindicato policial denunciou que nove axentes resultaron feridos, un cun cóbado roto, e se personará na causa.

COMPOSTELA ABERTA

Tamén se pronunciou sobre o ocorrido o domingo Compostela Aberta, que comparte o goberno da capital galega co BNG. Nun comunicado, manifestan a súa "repulsa e condena ante as actuacións policiais" ao final da manifestación en Santiago, que ven "excesivas e desproporcionadas" por parte das unidades de antidisturbios despregados na capital galega. "Esperamos que se investigue o sucedido porque só desa forma se pode defender a función e credibilidade das institucións", sinalou CA, que avoga por que "se aclare, canto antes, a secuencia dos feitos e se explique esta actuación policial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta