Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2024 | Actualizada ás 11:28
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que a Xunta iniciará no 2025 a negociación dunha senda plurianual de mellora do financiamento do servizo de axuda no fogar (SAF). nunciouno o máximo mandatario autonómico este martes durante a súa comparecencia na Cámara galega, na que sinalou que, na actualidade, a Xunta pon 12 euros por cada hora de SAF, "máis da metade" da factura total; mentres que o Goberno só "2,5 euros no mellor dos casos".
Nunha comparecencia na que abordou o financiamento autonómico, Rueda sostivo que Galicia "non se esquecerá" dos concellos, aos que lles trasladou que tamén os apoiará na súa demanda dun financiamento municipal xusto, acorde aos servizos que se lle piden que presten.
PIB
Alfonso Rueda, informou de que os orzamentos da Xunta para o próximo ano recollen unha nova actualización á alza do cadro macroeconómico e elevan a previsión de crecemento do produto interior bruto (PIB) do 1,8% ao 2,1%. Ademais, sinalou que o Executivo autonómico mantén a estimación de acabar 2025 co desemprego do 9,1%. Ademais, dixo que a Xunta triplicará o orzamento para chan residencial e novas vivendas, ata os 126 millóns
LEI DE ACOMPAÑAMENTO
A lei que acompañará aos orzamentos da Xunta para o próximo 2025 incluirá a habilitación para que os concellos que así o desexen poidan impoñer unha taxa turísticas. Rueda dixo que os consistorios deberán cumprir varias condicións: recadala e xestionala directamente desde o municipio; así como destinar un 80% dos recursos obtidos á mellora da sustentabilidade turística. Ademais, os municipios que desexen impoñer esta taxa deberán facelo en diálogo co sector.
DO
O deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, avanzou que "estará atento" a que o novo modelo de financiamento de "o maior diñeiro posible" á provincia de Ourense. No debate, Ojea criticou as posturas do PP, PSOE e BNG en materia de financiamento. Así, dixo que o PSdeG se limitará a facer neste debate "o que mande Sánchez", que o BNG supeditará todo a "lograr a independencia de Galicia", mentres que o PP limitarase a tratar de "manter o equilibrio" nun estado centralizado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.