Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2024 | Actualizada ás 17:24
A Audiencia Provincial da Coruña desestimou de forma definitiva a denuncia presentada por unha produtora contra o exalcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o concelleiro de cultura no pasado mandato, Antonio Golpe, por un suposto delito de prevariación administrativa ao haber fraccionado contratos.
A decisión xudicial foi desvelada en rolda de prensa este martes polo propia Mato, acompañado polo que foi o seu concelleiro de cultura durante o mandato que finalizou na primavera de 2023.
Nunha comparecencia no Concello de Ferrol, o exalcalde lembrou que hai uns meses o Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol, onde se presentou a demanda, xa desestimara a denuncia, pero a sociedade demandante apelara esta decisión a unha instancia superior.
"Eu tiña completa tranquilidade como alcalde e toda a confianza no concelleiro de Cultura", detallou Mato, que estaba convencido que "en todos os procesos que se tiñan levado a cabo, foron desenvolvidos con absoluta legalidade".
O exalcalde da cidade naval, unha vez coñecida esta resolución, e á que non existe posibilidade de recurso, afirmou que "algunhas empresas privadas pretenden que a Administración traballe para favorecelas".
Así, puntualizou que non descarta adoptar medidas legais contra a promotora que presentou a denuncia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.