O novo plan de saúde mental incluirá prazas de psicólogos en centros de saúde e maior idade de atención xuvenil

O BNG alerta dunha situación "máis que preocupante".

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 08/10/2024 | Actualizada ás 20:56

Comparte esta noticia

O novo plan da Xunta de atención á saúde mental para os próximos catro anos incluirá novidades como: a incorporación de psicólogos clínicos nos centros de saúde, cunha rede de asistencia psicolóxica en atención primaria; o aumento aos 18 anos para a atención infanto-xuvenil en psiquiatría --de ata 21 anos para espectro autista--; así como a posta en marcha dun plan para terminar co estigma social sobre o suicidio.

Diso informou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, en contestación a unha interpelación do BNG no pleno do Parlamento, onde tamén expuxo que este "ambicioso" plan contará con máis axudas para asociacións que colaboran na atención a persoas con trastornos alimenticios. Paralelamente, Gómez Caamaño reclamou ao Ministerio de Sanidade máis prazas para formar a profesionais de saúde mental.

Pola súa banda, Montse Prado (BNG) denunciou a "situación máis que preocupante" da saúde mental en Galicia, cun "sistema saturado" en atención primaria e "colapso" en hospitais.

Contrapón uns recursos asistenciais "baixo mínimos" cun aumento "exponencial" dos problemas de saúde mental. En concreto, a deputada nacionalista chamou a atención acerca de que o "raquítico" plan da Xunta "non serviu para baixar o nivel de taxas de suicidios", con 304 persoas que se quitaron a vida en Galicia no último ano, "un auténtico drama".

A este respecto, Prado pon o foco sobre que máis do 40% dos adolescentes galegos din ter problemas de saúde mental, pero unha "parte importantísima" non pide axuda. Todo mentres Galicia está "á cola" na media de psiquiatras e psicólogos, polo que a atención é "un luxo a alcance duns poucos".

"OBXECTIVOS CUMPRIDOS"

En cambio, o conselleiro esgrimiu os "obxectivos cumpridos" do plan de saúde mental 2020-24, cun investimento de 83 millóns, xa que os "datos desmontan a visión catastrófica" do Bloque.

Apunta que o plan permitiu a creación de 244 prazas para profesionais de saúde mental, das cales o 92% están cubertas e o resto están vacantes por falta de profesionais dispoñibles. En concreto, detalla que se crearon 47 prazas de psicólogo clínico --con cobertura do 100%-- e 60 de psiquiatría --hai unha que non se logrou cubrir--

Defende que a media actual de profesionais na materia é de 557, o que cifra como case o dobre dos 285 que había no bipartito. Xunto a isto, Gómez Caamaño valorou que no últimos catro anos os cocientes de psicólogos clínicos aumentaron de 3,4 a 5,2 por cada 100.000 habitantes.


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, comparece no pleno do Parlamento galego.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, comparece no pleno do Parlamento galego.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta