Ángeles Vázquez di que é "igual de importante" para Galicia o expediente de Altri como o de ampliación dunha granxa

A conselleira de Medio Ambiente ve "prematuro" pronunciarse sobre se a fábrica que pretende implantar Altri en Palas de Rei obterá o permiso da administración autonómica.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/10/2024 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegura que é "igual de importante" para "o territorio" o expediente que afecta á intención de Altri de instalar unha fábrica en Palas de Rei  que o que incumbe, por exemplo, á ampliación dunha granxa.

"Non temos que focalizar só en Altri. É igual de importante para o territorio Altri que a ampliación dunha granxa. Temos que cumprir con todos e imos procurar cumprir a lei", destacou, a preguntas dos xornalistas sobre os prazos durante un acto este xoves.

"Temos que cumprir con Altri, pero temos que cumprir co resto das instalacións. Son máis de 100 os expedientes que temos na consellería e son moi variados, desde a ampliación dunha granxa ata a construción dunha granxa, pasando por calquera actividade no territorio", dixo.

Neste sentido, incidiu en que "por tanto aquí non se trata de cumprir con Altri", senón que "se trata de cumprir con cada unha das instalacións". "É certo que hai expedientes que son máis complexos e hai que pedir de novo documentación, pero aquí non hai empresas de primeira e de segunda", remarcou a conselleira.

Con "todas as empresas hai que cumprir os prazos", resolveu, para engadir que "por esta consellería pasa todo, avalíase todo desde o punto de vista ambiental" e procura "cumprir absolutamente con todos".

Nesta liña, insistiu en que "Galicia vive de moitísimas accións", e citou aos autónomos, ao pequeno empresario e ao gran empresario.

"PREMATURO"

A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez. XUNTA | Fonte: Europa Press

Ademais, Vázquez viu "prematuro" pronunciarse sobre se a fábrica que pretende implantar Altri en Palas de Rei obterá o permiso da administración autonómica.

"Os informes que están pechados son informes favorables e son informes en casos condicionados, pero hai informes moi importantes que aínda non se pecharon e por tanto eu non podo avanzar que ao final todos vaian ser favorables", expuxo.

Respecto diso, afirmou que esa decisión final "non depende do político", senón que "depende do técnico" e este último proceso aínda non terminou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Ser

"Imos procurar cumprir a lei" ¿A conselleira, está a dudar de si cumprirán coa lei?. Ollo, que ainda van rematar no xuzgado e veremos si no cárcere.

3 Gamela

Se Altri é igual cunha granxa de porcos... Esta Conselleira é a mesma que legalizou contra a lei de costas unha urbanización de sete chalets de luxo que calquera pode mercar sen dificultades por 3 millóns e pico... https://grupoviqueira.com/inmuebles... Na anterior lexislatura tivo que contar coa Concelleira de Urbanismo de Vigo (Abel Caballero e a súa vivenda protexida) https://flic.kr/p/2oKBTjw ¿Por que non están no cárcere por prevaricar?

2 lad

Unha macrocelulosa contaminante é o que nos pretende colar Rueda no mesmo centro de Galicia, pero non imos calar e permitir está desfeita ecolóxica. Os técnicos independentes e científicos xa falaron negativamente do proxecto . Os que chama técnicos a Conselleira son os que están a soldo e dependentes da cacicada popular.

1 José

Pois si é tan importante o expediente da granxa como o de Altri, porque non publicas nomes e apelidos dos técnicos e técnicas da túa consellería que van valorar o seu impacto? A ti fáltache decencia e vas sobrada de cinismo (ademáis de ter coñecementos sobradamente insuficientes).