Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2024 | Actualizada ás 11:57
O 46% da cifra de negocios da industria en Galicia en 2022 correspóndese con empresas con sede fóra da comunidade, segundo datos que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE).
A estatística 'Indicadores de multilocalización empresarial' establece que, para as empresas dedicadas ao sector servizos, esta porcentaxe sitúase no 20,1% en 2022 e para as comerciais, baixa ao 17,3%. No tocante ao emprego, as empresas industriais con sede fóra de Galicia dan traballo ao 15,6% das persoas ocupadas na industria de Galicia.
No sector do comercio, a cifra é moi semellante (14,1% en 2022). Con todo, no sector servizos, esta porcentaxe sobe ata o 18,9%. Aumentou "moito", segundo destaca o IGE, o peso das industrias con sede fóra no importe neto da facturación do sector (+16,5 puntos).
Tamén se incrementou (+3,2 puntos) o das empresas que se dedican ao comercio e teñen sede fóra. Pola contra, a evolución deste indicador para o sector servizos foi negativa (-0,4 puntos en 2022 respecto de 2021). No caso do emprego, o peso das empresas con sede fose e actividade en Galicia crece no tres sectores analizador polo IGE en 2022 en relación con 2021.
A industria é a que rexistra maior alza --pasa de representar o 11,8% do total da ocupación do sector en 2021 a representar o 15,6% en 2022-- e no comercio esta porcentaxe aumenta en 0,8 puntos. Nos servizos, o peso das empresas con sede fóra da comunidade galega na xeración de emprego experimenta un repunte de 0,1 puntos no período considerado.
NOUTRAS CC.AA.
No que se refire ás empresas industriais con sede en Galicia que en 2022 realizaron algunha actividade económica noutra comunidade, o 4,8% do seu importe neto facturouse fóra. No sector servizos, esta porcentaxe sobe ao 8,8% no comercio ao 17,6%.
O 3,5% dos ocupados por empresas industriais con sede en Galicia e actividade fóra estábao noutra comunidade; no sector servizos esta porcentaxe sitúase no 7,6% e no comercio alcanza o 19,3%. Se se comparan os pesos observados en 2022 cos do ano anterior, a porcentaxe da facturación das empresas con sede en Galicia xerado fóra da comunidade aumentou en comercio e servizos pero diminuíu no sector industrial.
No comercio, o incremento situouse en 1,9 puntos e en servizos en 0,7. Na industria, a diminución do peso das empresas con sede en Galicia no importe neto da cifra de negocios xerado fóra cífrase en -1,8 puntos.
No tocante a ocupación, a porcentaxe dos que traballan fóra da comunidade en empresas con sede en Galicia subiu 1,8 puntos. En empresas do sector servizos, a diferenza do que acontecía coa evolución da facturación, experimenta un descenso do persoal ocupado máis aló de Galicia, de 0,3 puntos. No caso das empresas industriais, esta porcentaxe tamén diminúe: 1,1 puntos entre 2021 e 2022.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.