A Xunta e Meteogalicia aplicarán técnicas de Intelixencia Artificial para mellorar a predición de incendios

O obxectivo é incorporar un conxunto de sensores específicos para medir "novas variables atmosféricas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2024 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A Xunta e Meteogalicia aplicarán técnicas de Intelixencia Artificial (IA) para mellorar o índice de risco de incendios na Comunidade e a súa predición. Así o anunciaron este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada, na presentación do novo programa que porán en marcha para facer fronte a eventos adversos.

Deste xeito, a conselleira incidiu en que o obxectivo principal deste novo modelo é responder con "anticipación" a fenómenos adversos como as ondas de calor, ou as inundacións, e mellorar a detección do risco de incendio forestal.

Pola súa banda, o coordinador de Meteogalicia, Juan Taboada, lembrou que dentro da súa colaboración previa coa Consellería do Medio Rural respecto de incendios forestais, detectaron "necesidades e posibilidades de mellora" e así xurdiu este programa, o 'PIMA Eventos Adversos'.

O seu orzamento inicial supera os 450.000 euros e contempla a compra de "todas as ferramentas necesarias", pero tamén para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial que van pór en marcha con este programa.

Neste sentido, o obxectivo é incorporar un conxunto de sensores específicos para medir "novas variables atmosféricas" e mellorar o cálculo do risco. Así, sumaranse aos actuais modelos de previsión outras medidas sobre a "estrutura vertical da atmosfera", que o propio Taboada cualificou de "fundamental".

Así mesmo, asegurou que o que pretenden con este programa é "dar un paso máis aló" e mellorar os prognósticos para axudar "en todo o posible aos servizos de extinción" coa aplicación de IA. Recorrerán á base de datos de incendios pasados para determinar que parámetros máis aló da temperatura ou o vento teñen efectos. Tal como sinalou a conselleira, cando se produza un fenómeno adverso, tanto a Xunta como Meteogalicia estarán nas "mellores condicións" para actuar e "adiantarse" á súa evolución.

Con todo, tamén se porá en marcha un espazo web para aglutinar toda a información meteorolóxicas "útil neste ámbito", como datos de observación e modelos predictivos para "mellorar a capacidade da cidadanía para acceder aos datos" e poder interpretalos.

Dixital.- A Xunta e Meteogalicia aplicarán técnicas de Intelixencia Artificial para mellorar a predición de incendios.. XUNTA
Dixital.- A Xunta e Meteogalicia aplicarán técnicas de Intelixencia Artificial para mellorar a predición de incendios.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta