Mugardos ao bordo dunha nova moción de censura: o BNG abordará con PSOE e EU esta posibilidade

Os nacionalistas queren "compromisos claros que garantan un goberno real e estable".

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 17/10/2024 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O BNG de Mugardos anunciou que abordará cos grupos do PSOE e EU desta localidade da comarca de Ferrol, "unha nova rolda de contacto coas forzas de esquerdas para contrastar as posibilidades dunha moción de censura e do deseño dun goberno estable", para que "todas as partes involucradas estean verdadeiramente comprometidas de cara a impedir o deterioro que padece o Concello". Así o trasladou a formación nacionalista nun comunicado remitido este xoves, tras tomar esta decisión a asemblea local este mércores, 16 de outubro, onde tamén analizaron a proposta de Esquerda Unida.

"Seguimos defendendo que é de imperiosa necesidade finalizar coa parálise e mala xestión que afecta o Concello baixo o mandato do actual goberno de Juan Domingo de Deus (PP). Por iso, volvemos tender a man a PSdeG e EU para dialogar e establecer uns compromisos comúns, claros e transparentes que garantan un novo goberno estable, real e sen improvisacións", asegurou o seu portavoz, Evaristo Dios, cabeza de lista do BNG.

DOCUMENTO EN BRANCO

Para a formación que lidera Ana Pontón, "o documento en branco que propón Esquerda Unida é insuficiente para lograr o principal obxectivo que formulan como líderes da oposición", como é "restaurar o funcionamento do Concello cun mandato firme, con vontade de permanencia e ben estruturado". "Asumir o goberno nesta fase do mandato non será tarefa fácil, ao contrario, será complexo, pero afrontaremos o reto co maior respecto e seriedade. Por iso, non só precisamos a firma dun papel como propón EU, senón que necesitamos un compromiso real, un pacto que impida os bloqueos e permita gobernar polo ben da localidade", esgrimen.

É por iso que Evaristo Dios pediu saír do encontro "cunha folla de ruta clara e consensuada entre as forzas políticas de esquerdas para sacar a Mugardos do estancamento", e que "para configurar unha moción de censura tamén deberá ser transparente nos acordos que alcancemos entre os tres partidos políticos", e que ao seu entender "só así se poderá evitar repetir os erros do pasado e aseguraremos que non haxa sorpresas nin movementos de última hora".

Juan Domingo de Deus (PP), novo alcalde de Mugardos pousa co seu bastón tras saír adiante a moción de censura presentada por PP e PSOE ao anterior goberno do Concello
Juan Domingo de Deus (PP), novo alcalde de Mugardos pousa co seu bastón tras saír adiante a moción de censura presentada por PP e PSOE ao anterior goberno do Concello | Fonte: Mero Barral - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta