Especies moi ameazadas ou os restos dunha das lagoas máis grandes do Estado na cartografía das zonas húmidas de Ourense

Ecoloxistas en Acción presenta o cartografiado de zonas húmidas da provincia de Ourense dentro da súa campaña "Humidais para a vida".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/10/2024 | Actualizada ás 10:47

Comparte esta noticia

Ecoloxistas en Acción presenta a tercera fase da súa campaña "Humidais para a Vida" . Unha campaña coa que pretenden visibilizar que as zonas húmidas son indispensables para a vida polos innumerables beneficios ou "servizos ecosistémicos" que brindan á humanidade, desde subministración de auga doce, alimentos e biodiversidade, ata o control de crecidas, recarga de augas subterráneas e mitigación do cambio climático.

Humedais na Lagoa de Antela
Humedais na Lagoa de Antela | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Nesta tercera fase, a organización ecoloxista presenta unha relación de humidais avaliados na provincia de Ourense. Este catálogo de zonas húmidas ourensás, aparellado dun informe cos humidais que necesitan urxentemente unha figura de protección, será rexistrado na Xunta de Galicia para solicitar ao goberno galego a súa inclusión no Inventario de Humidais de Galicia, como paso previo a súa posterior declaración de zona protexida.

Para Ecoloxistas en Acción é esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas como plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou explotación de minas.

“Un estudo tras outro demostra que a superficie e a calidade dos humidais seguen diminuíndo ano tras ano na maioría de rexións do mundo. En consecuencia, os servizos dos ecosistemas que os humidais proporcionan ás persoas atópanse en perigo. A perda e degradación dos humidais tradúcese nun enorme impacto social e económico como, por exemplo, o aumento do risco de inundacións, diminución da calidade da auga, ademáis de impactos sobre a saúde, a identidade cultural e os medios de subsistencia”, sinala Roberto Vilela, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

A organización ecoloxista avaliou tres zonas, Ribeira Sacra, A Limia e Terra de Celenanova, Viana e Terra de Trives. 

Algunhas das aves que se atopan na Lagoa de Antela
Algunhas das aves que se atopan na Lagoa de Antela | Fonte: Ecoloxistas en Acción

RIBEIRA SACRA

O patrimonio natural dos concellos de San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives (Ourense) e Ribas de Sil (Lugo) é un dos maiores legados que posúen, e polo que algún deles xa foi recoñecido coma un dos pobos máis fermosos de España. As espectaculares paisaxes que observaremos desde calquera punto destes cinco concellos – compostas por pradarías, viñas, soutos de castiñeiros centenarios, bosques de ribeira e carballeiras – nas que a auga escorrega por todas partes, son testemuñas da virxinidade da que aínda goza a Ribeira Sacra, pola que foi declarada ben de interese cultural (BIC) coa categoría de paisaxe cultural. Aquí o terreo baixa desde as montañas cara ás ribeiras do río Bibei (o afluínte máis importante do Sil) formando vales estreitos e encaixados con grandes desniveis; e é precisamente o medio fluvial o valor ambiental máis sobresaínte de todos eles. 

Os hábitats naturais de interese comunitario ou prioritarios que atoparon na Ribeira Sacra son breixeiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix, bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae), breixeiras secas, breixeiras oromediterráneas endémicas con aliaga e carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.

A LIMIA

Os humidais da Limia deben ser declarados humidais protexidos pola biodiversidade de flora e fauna que albergan; e tamén porque neles atopamos a coñecida coma flor de cardiño de lagoa (Eryngium viviparum), unha especie mundialmente ameazada. 

De acordo coa Convención sobre os humidais de Ramsar, un dos criterios para a identificación de humidais de importancia internacional é que sustente especies vulnerables, en perigo ou en perigo crítico, ou comunidades ameazadas. No caso co catálogo de “Humidais protexidos” de Galicia, un criterio suficiente para a inclusión no inventario é que albergue hábitats ou especies que aparezan recollidos nos listados oficiais de rango internacional, nacional ou da comunidade autónoma de Galicia, así coma otras especies que posúan unha gran singularidade no mantemento da biodiversidade dos humidais de Galicia. 

Na Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio), a Veiga de Vilaseca (Trasmiras), a Veiga de Lamas (Xinzo de Limia) e a Veiga de Toxal (Porqueira) atópanse varios exemplos de zonas temporalmente inundables. A pesares das profundas transformacións hidrolóxicas e agrícolas sufridas nas últimas décadas, a chaira da Limia aínda conserva retazos do antigo humidal de Antela cunha elevada importancia para a conservación da biodiversidade de fauna e flora. A lagoa de Antela, situada no curso alto do río Limia, estivo entre as tres lagoas interiores máis grandes da península, xunto á da Janda (Cádiz) e a Nava (Palencia). As tres foron desecadas nos anos sesenta do século pasado para favorecer a implantación da agricultura intensiva, o que constitúe un dos maiores atentados ecolóxicos contra os nosos humidais da historia.

TERRA DE CELANOVA - VIANA - TERRA DE TRIVES

No traballo de campo identificouse un complexo de turbeiras e brezais húmidos entre as comarcas de Terra de Celanova, Viana e Terra de Trives. Estas xoias do patrimonio natural adquiren aquí gran importancia pola súa contribución á captura de CO2 en forma de materia orgánica, cobrando así un papel relevante na loita contra o cambio climático.

Contan ademáis cunha gran diversidade de especies, entre as que se poden citar varias cun elevado valor biolóxico e ambiental, coma a Lycopodiella inundata (especie en perigo de extinción), algúns Sphagnum, prantas carnívoras, o algodón de turbeira ou o Narthecium ossifragum entre outras. Entre os hábitats de interese comunitario que se atopan están brezais húmidos atlánticos de zonas tépedas de Erica ciliaris e Erica tetralix, brezais oromediterráneos endémicos con aliaga ou brezais secos europeos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta