A Xunta volve pedir á Fegamp que cumpra os acordos para avanzar na integración de unidades de drogodependencia

Asegura que mantén a súa vontade de axilizar a integración destas unidades no Sergas. A Federación trasladou que o compromiso da Xunta de integrar as unidades de atención á drogodependencia (UAD) ten un reflexo de "cero euros" nos orzamentos autonómicos de 2025.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2024 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, instou á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a cumprir coa folla de ruta pactada para poder avanzar no proceso de integración autonómica das unidades asistenciais municipais de drogodependencia. Así o trasladou en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do PP Encarna Amigo durante a Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, na que relatou os pasos que dá a Xunta para integrar no sistema sanitario público as 13 unidades asistenciais de drogodependencias coas que conta a comunidade galega que actualmente son de titularidade municipal.

Precisamente, na xornada do mércores, a Xunta e o ente municipalista mantiveron unha nova reunión da comisión mixta para o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das 13 unidades asistenciais de drogodependencias de titularidade municipal. Tras ela, o Executivo autonómico pediu á Fegamp que cumprise coa súa parte, mentres que a Federación trasladou que o compromiso da Xunta de integrar as unidades de atención á drogodependencia (UAD) ten un reflexo de "cero euros" nos orzamentos autonómicos de 2025. Así as cousas, este xoves na comisión, a secretaria xeral técnica manifestou que a vontade do Goberno galego de axilizar a integración destas unidades no Sergas é "absoluta", pero sostivo que para iso é necesaria a colaboración da Fegamp.

"Resulta imprescindible que se cumpran os prazos establecidos e se poidan constituír os relatorios técnicos especializados", incidiu, co ánimo de que é este procedemento se execute coa "maior celeridade posible". Así mesmo, sinalou que para o Executivo galego a atención dos trastornos aditivos e das drogodependencias representa un tema prioritario, polo que pediu á Fegamp que "non atrase e entorpeza" este proceso. Natalia Lobato lembrou que, co obxectivo de axilizar este procedemento, o pasado 1 de agosto ambas as administracións acordaron a constitución de dous relatorios técnicos especializadas para avaliar, por unha banda, as necesidades de persoal e, pola outra, definir os inmobles e recursos materiais que precisarán as novas unidades.

Neste punto, referiuse á reunión da comisión mixta celebrada o mércores, para indicar que a Xunta trasladou os profesionais autonómicos que integrarán os relatorios que avaliarán os recursos humanos e materiais que necesitan para o traspaso de competencias. Con todo, sostivo que, ante a falta de comunicación dos seus membros por parte da Fegamp, acordouse unha nova data, a do 31 de outubro, para que esta designe aos seus representantes e non atrasar máis a constitución destes dous relatorios. Na súa intervención, lembrou que, "desde hai anos", a Xunta colabora coa Fegamp para a atención e protección da saúde desas persoas con trastornos aditivos, cunha achega de 4 millóns de euros neste 2024.

PLANIFICACIÓN FUTURA

Ademais, sinalou que, co obxectivo de que as novas unidades de atención presten uns servizos asistenciais de maior calidade, o Sergas xa traballa en diferentes modelos de integración asistencial, e tamén no deseño de novos circuítos para que todas as unidades traballen dunha forma homoxénea. Na actualidade, Galicia conta con 13 unidades de atención ás drogodependencias que son de titularidade municipal, e que están situadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Deste xeito, entre as tarefas de planificación futura, a secretaria xeral avanzou que o departamento sanitario da Xunta empezará "en breve" a traballar no deseño de novos manuais que incorporen procedementos operativos estándar en todos estes centros. Neste punto, fixo fincapé na importancia que terá o coidado da saúde mental na atención que se prestará aos usuarios deste centro. Ademais, apuntou que está prevista a constitución dun grupo de traballo cos profesionais actuais das unidades, de face a elaborar os pregos que rexan a licitación de medios para a detección de drogas en ouriños. Por último, precisou que se simplificarán os circuítos para a recollida de datos nestas unidades, de tal forma que toda información estea vinculada á historia clínica IANUS, e co que se evitará a perda de información, posible duplicidades e traballo innecesario á hora de recoller datos procedentes de diferentes sistemas informáticos.

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, na comisión de sanidade do Parlamento de Galicia
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, na comisión de sanidade do Parlamento de Galicia | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta