A USC pide a creación "urxente" de programas de prevención para evitar agresións sexuais múltiples

A Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela (USC) pretende incrementar o coñecemento sobre a violencia sexual propóndose como obxectivo analizar as medidas de prevención

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2024 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou un estudo sobre as agresións grupais que apunta á necesidade "urxente" de programas de prevención para evitar este tipo de casos.

Esta unidade reuniu este xoves no Centro de estudos avanzados da USC a 70 profesionais e persoal académico nunha xornada interdisciplinar de traballo dun proxecto de investigación sobre a percepción sobre a violencia sexual e o consentimento sexual, e máis concretamente na análise de riscos e implicacións para a prevención no ámbito universitario.

Este proxecto, do que informou a USC nun comunicado, pretende incrementar o coñecemento sobre a violencia sexual propóndose como obxectivo analizar as medidas de prevención, protección e intervención nos ámbitos xurídico, social, sanitario, educativo, de hostalaría e lecer, e das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como identificar boas prácticas e levar a cabo propostas de mellora na atención a mulleres denunciantes tendo en conta o persoal experto.

Para avanzar no estudo da violencia sexual, o grupo de investigación mantivo o pasado ano outra reunión interprofesional, nesa ocasión sobre as agresións sexuais múltiples a mulleres cun enfoque analítico con orientación de xustiza terapéutica.

Os resultados dese traballo deron lugar a unha publicación coordinada polas profesoras Dolores Seijo, Mercedes Novo e María Villarquide que precisamente se presentou este xoves despois de desenvolver unha xornada de traballo similar á deste xoves e dun estudo empírico de análise de sentenzas xudiciais.

Deste traballo empírico, conforme indicou a USC, despréndese que os agresores son adultos dunha idade media de 25 anos (aínda que en varias das agresións participaron menores) que polo xeral non presentan antecedentes penais previos e, cando o fan, non están vinculados a delitos con carácter sexual.

Para as autoras e autores do traballo, ambos os factores, mocidade e ausencia dun pasado delituoso, pon de manifesto a necesidade "urxente" de establecer programas de prevención temperá "dirixidos a evitar a aparición deste tipo de comportamento".

Así mesmo, recolle que o máis habitual é que as agresións en grupo analizadas ocorran de noite e, principalmente, en contextos de lecer nocturno. Por outra banda, na maioría dos casos, os acusados eran descoñecidos para a vítima.

Por mor dos datos obxectivos extraídos e despois do proceso de discusión con profesionais de todos os ámbitos, concluíron na necesidade de sensibilizar e formar en materia de violencia sexual a nenos, nenas e adolescentes desde idades temperás tanto na escola como na familia, ás propias familias, ao profesorado, aos profesionais implicados en materia de violencia sexual, aos medios de comunicación e á poboación en xeral. Apuntan, ademais, á necesidade de regular o acceso das persoas máis novas aos contidos pornográficos e potencial as escolas de familias.

Mellorar a información que reciben as mulleres vítimas, o seu asesoramento, a súa orientación e potenciar os recursos cun enfoque de xustiza terapéutica dirixidos a mulleres denunciantes e ás que están inmersas no proceso xudicial, así como mellorar a intervención coas persoas agresoras adaptando os programas ás súas características son outras das achegas que propoñen no estudo.

Todas estas propostas materialízanse no estudo en diversas accións concretas tanto no ámbito da prevención como no da protección e asistencia e do benestar, sempre aplicando, insisten, un enfoque de xustiza terapéutica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta