O potencial artístico e turístico das canteiras de lousa

Os arquitectos Carlos Quintans Eiras e Zaida García Requejo protagonizaron, na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, a conferencia “Extracción, unha mirada desde a lousa”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 27/10/2024 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña foi protagonista o pasado 23 de outubro dunha conferencia que intentaba poñer en valor as canteiras de lousa como lugares de interese artístico e turístico. Os relatores foron Carlos Quintans Eiras e Zaida Requejo.

Un momento da conferencia. Foto: Clúster da Pizarra de Galicia.
Un momento da conferencia. Foto: Clúster da Pizarra de Galicia.

“Normalmente só consideramos a parte final, o material extraído, que é o que sae nas fotografías, pero estamos a esquecernos de que para que nós poidamos realizar calquera tipo de construción, producimos unha extracción ou baleiramos nalgún outro lugar do mundo”. Foron palabras de Quintáns afirmando tamén que “a extracción xeralmente está asociada a termos negativos” e, malia que “durante moito tempo estes lugares non se debuxaron nin fotografado”, é certo que “cada vez hai máis interese por coñecelos” e que “aos poucos, os fotógrafos profesionais están a mirar cara á orixe, cara as canteiras”.

A conferencia ofrecida polos dous arquitectos, expuxo as razóns polas que a tendencia está a cambiar, para seguir apostando por recuperar estes espazos para a arte e a cultura. “Hai que pensar que é moito máis potente o espazo que os fragmentos que se extraen de alí para elaborar outras cousas” explicou, expondo a necesidade de “intervir en determinados lugares para que o traballo do home poida valorarse”.

Ademais das canteiras ao descuberto, falaron Quintans e García Requejo “das minas de lousa que se atopan na zona de Valdeorras, que son espazos impresionantes que unha vez pechados deberían pensarse como lugares de experiencia sensorial, mesmo como museo".

POTENCIAL TURÍSTICO

Os arquitectos son os autores do proxecto “Lousa. Recuperación en zonas con procesos de extracción", concibido para dinamizar turisticamente os activos paisaxísticos ao redor desta roca, na comarca de Valdeorras, promovido pola Agrupación industrial e apoiado polo Concello de Carballeda, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta, e a Deputación de Ourense, e que resultou finalista na categoría de Investigación e Difusión dos Premios da Bienal Española de Arquitectura e Turismo (BEAU).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta