Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/01/2016 | Actualizada ás 18:48
Os mariñeiros do cerco acaban de decidir rematar coa súa protesta, 89 días despois de poñer as tendas de campaña diante do edificio da Xunta en San Caetano. Din que non poden aguantar máis en situación de inactividade, pero, avisan: “A loita non cesa".
A asociación de armadores do cerco de Galicia (Acerga), que representa a 120 barcos do total de 150 existentes, e que foi a convocante desta protesta, reivindica que a distribución das posibilidades de pesca se faga de maneira lineal e por tripulante.
Despois de tres meses de negociacións e contactos, celebrou que se rectificase a postura inicial sobre o actual sistema e se procedera a habilitar unha cota maior que a prevista inicialmente. Deste xeito, Acerga, que agrupa ao 80% da frota, conseguiu dotarse este 2016 dun 17% máis de cota respecto da asignada nun principio e logrou que buques sen historial dispoñan dun mínimo de capturas que varía en función das súas toneladas de arqueo.
Con todo, critica o "trato de favor" que entenden que recibe Cerqueiros Galegos, -que defende unha repartición por criterios históricos-, por parte da Xunta.
Antes de marchar, os mariñeiros limparon a zona, degustaron produtos típicos e despedironse con gaiteiros. Até o lugar no que estivo erixido o campamento desprazáronse este domingo diferentes representantes políticos, como a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, o senador autonómico socialista Modesto Pose, o deputado nacionalista e portavoz de Pesca do BNG, Daniel Rodas, e o viceportavoz de AGE, Antón Sánchez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.