Morre a galega que estivo 35 anos protestando diante da Casa Branca

Concepción Martín Picciotto foi a persoa que mantivo durante máis tempo, e de forma consecutiva, unha protesta pública nos EE.UU.

Por Galicia Confidencial | Washington | 26/01/2016 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

Conchita Martín non entrará nos libros de historia pero a súa xesta é digna de mencionar. Unha xesta que, coma sempre sucede, é destacada en morte, e non tanto en vida. E é que Conchita, galega e oriunda de Vigo, foi a persoa que máis tempo mantivo unha protesta pública e política de forma consecutiva nos EE.UU.

Conchita Martín Piccioto, cunha moza galega diante da Casa Branca
Conchita Martín Piccioto, cunha moza galega diante da Casa Branca | Fonte: Xosé Filloy

A súa xesta é ter acampado durante 35 anos, desde o ano 1981, diante da Casa Branca, como medida de protesta contra a proliferación de armas nucleares. Pero Conchita morreu soa nun refuxio para mulleres sen teito de Washington.

E, con todo, a súa xesta foi merecente de ser destacada en xornais como o The Washington Post, que subliña que Conchita roldaba os 80 anos, e a pesar de que sufrira unha caída recentemente, descoñécese a causa da súa morte.

A emigrante galega non pasaba desapercibida. E a pesar de que poucos sabían o seu nome e case non hai detalles sobre a súa vida antes de emigrar aos EEUU e casar cun italiano, era unha figura recoñecida, precisamente, pola súa protesta diante da Casa Branca. Non se movía do seu emprazamento "nin no inverno nin no verán, nin de noite nin de día". So abandonaba o seu pequeno "garito" para "ir ao baño"

Conchita emigrou a Nova York en 1960 e traballou na Gran Mazá como recepcionista na oficina comercial da embaixada española, para casar máis tarde cun emigrante italiano, de quen adquiriría o apelido e con quen adoptaría a unha nena.

A convicción de que o seu marido quería separala da súa filla foi a que a levou a Washington por primeira vez en 1979, coa intención de buscar axuda entre a clase política para recuperar a nena, pero a súa empresa non resultou exitosa. Foi entón cando coñeceu a William Thomas, un activista contra a proliferación nuclear que ocupaba unha tenda de campaña na avenida Pensilvania fronte á residencia presidencial, e decidiu unirse a el.

Desde entón, e durante máis de tres décadas, Conchita Martín Picciotto non abandonou esa posición pese ao falecemento de Thomas en 2009, e converteuse nunha personaxe soada entre os residentes da capital e os miles de turistas que cada día visitan a Casa Branca. "Son os mesmos cans con distintos colares", asegurou a manifestante nunha entrevista con Efe en 2001, como recollen algúns xornais, ao referirse aos catro presidentes estadounidenses que entón pasaran polo Despacho Oval, "de Reagan a Bush fillo", desde que en 1981 comezou a súa protesta contra as armas atómicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Galego

D.E.P loitadora pola paz